A Policía Local do Carballiño inicia unha campaña de sensibilización para previr os estacionamentos en sentido contrario, unha perigosa práctica moi estendida no casco urbano do Carballiño. O obxectivo é concienciar á poboación dos riscos de aparcar no lado esquerdo da calzada, tanto para a persoa que conduce como para o resto de usuarios e usuarias da vía pública. “Ao estacionar e ao reiniciar a marcha é necesario circular uns metros en sentido contrario, o que supón un perigo, sobre todo se hai pouca visibilidade”, explica Alberto Otero, concelleiro de Seguridade.
Desde a Xefatura recordan que esta práctica conleva unha infracción do Regulamento Xeral de Circulación e unha sanción económica de 200 euros. A normativa indica que en vías de dobre sentido o estacionamento debe realizarse sempre na marxe dereita da calzada. Nas vías de sentido único, pola contra, tamén se pode estacionar no lado esquerdo. A infracción pode chegar a ser de carácter moi grave no caso de que un axente da Policía vexa ao condutor circulando en sentido contrario, aínda que se trate de poucos metros.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
“Na maioría dos casos, a poboación descoñece esta normativa”, apunta Otero. Nesa liña, a campaña de sensibilización da Policía Local estenderase durante varias semanas no Carballiño para concienciar á veciñanza dos perigos existentes e das posibles infraccións. Pasada a fase informativa, e no caso de persistir este tipo de condutas, os axentes pasarán a propor sancións para aqueles condutores que continúen estacionando en sentido contrario.
A Policía Local busca favorecer con esta iniciativa a convivencia nas vías urbanas, incluíndo vehículos a motor, peóns e vehículos persoais lixeiros, e minimizar así o risco de accidentes no Carballiño.

















