O profesor carballiñés Miguel García foi o persoeiro elexido para impartir a conferencia central do Día Mundial da Meteoroloxía na Coruña, nun acto organizado pola Agencia Estatal de Meteorología (AEMET) que tivo lugar hoxe na sede da Delegación do Goberno en Galicia, na cidade de A Coruña. A sesión contou coa presenza, entre outros, do delegado do Goberno, Pedro Blanco; o responsable da delegación territorial da AEMET en Galicia, Francisco Infante, e a concelleira de Servizos Públicos e Benestar Comunitario do Carballiño, Rosa Fuentes.

Baixo o epígrafe “Observar hoy para proteger el mañana”, nesta xornada conmemorativa, a AEMET busca poñer o foco na importancia de concienciar e sensibilizar ás novas xeraciós como encargadas de coidar do planeta no futuro.
Profesor de Física no IES Chamoso Lamas do Carballiño ata a súa xubilación, Premio Nacional de Meteoroloxía no ano 2018 e colaborador da AEMET desde 1984, Miguel García deu conta na conferencia da súa importante contribución á divulgación dos datos e fenómenos meteorolóxicos e climáticos entre os máis novos durante a súa carreira profesional na vila do Arenteiro, na que creou, hai xa máis de 40 anos, a Estación Meteorolóxica asociada ao centro de ensino ubicado na localidade de Mesego.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
García e o tamén profesor xubilado Manuel Vázquez son os autores do libro “O tempo que nos une. Un retrato do clima local”, editado recentemente polo Concello do Carballiño coa colaboración do Centro de Estudios Chamoso Lamas, colectivo de investigadores ao que pertencen. A publicación foi presentada públicamente o pasado sábado na Casa Consistorial carballiñesa.
















