A capital do Ribeiro prepárase para conmemorar a Paixón, Morte e Resurrección de Cristo. Os actos darán inicio o Domingo de Ramos (29 de mazo) coa bendición solemne dos ramos na Praza de San Xoán ás 11,30 horas, seguido dunha procesión ata a igrexa parroquial de Santo Domingo onde se oficiará a Santa Misa coa lectura da Paixón do Señor.
As celebracións propias destes días do ano continuarán na mañá de Xoves Santo (2 de abril), cunha celebración penitencial, ás 11,00 horas na igrexa de Santo Antonio. Xa pola tarde, terá lugar na igrexa de Santo Domingo a celebración da Cea do Señor, co rito de lavado de pés e o traslado en procesión do Santísimo Sacramento ao Santuario do Portal, onde quedará instalado o monumento. Ás 21,00 horas partirá da igrexa de Santiago a tradicional procesión “Dos Caladiños”, que percorre as rúas do centro histórico de Ribadavia. Nesta procesión sairán os pasos de: Jesús orando no horto das oliveiras, Cristo atado á columna e o Ecce Homo. A xornada do xoves terminará cunha Hora Santa no Santuario do Portal ás 22,00 horas.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
O Venres Santo (3 de abril) iniciará en Ribadavia co Santo Encontro na Praza Maior ás 11,30, nesta procesión lémbrase o camiño de Cristo facía en Monte Calvario cargando coa cruz. Poderanse ver as imaxes de Jesús Nazareno, a Virxe dos Dolores, San Xoán Evanxelista e a Verónica. Ás 18,30 terá lugar a celebración da Paixón do Señor na igrexa de Santo Domingo e ao finalizar sairá a procesión do Santo Enterro coas imaxes da Virxe das Angustias, o Cristo Xacente e a Virxe da Soledad. Esta procesión é a máis concorrida e solemne, pois percorre as rúas principais da capital do Ribeiro e estará acompañada coa melodía da banda de música A Lira de Ribadavia.
Na noite do Sábado Santo (4 de abril), terá lugar na igrexa parroquial de Santo Domingo a solemne Vixilia Pascual coa que se conmemora a Resurrección do Señor, será ás 22,00 horas. Xa o Domingo de Pascua (5 de abril) haberá Santa Misa ás 11,00 na igrexa de Santo Antonio e ás 12,00 na parroquial de Santo Domingo.

















