A Xunta continúa co seu apoio ás actividades de divulgación dos oficios artesanais en diferentes localidades galegas, con motivo dos Días Europeos da Artesanía 2026 que se celebran ata o próximo domingo 12 de abril.
Así, hoxe venres comezou na Casa Artesanía de Galicia, en Ribadavia, un obradoiro gratuíto de elaboración das figuras tradicionais de miga de pan de Santo André de Teixido, impartido por Jorge Bellón. Neste espazo está previsto realizar mañá un taller de coiro con Antonina Kadyrova e o domingo dúas quendas de obradoiros de arranxos florais con Olueis. Para estas actividades é preciso realizar unha inscrición previa na web da Fundación Artesanía de Galicia.
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, desprazouse esta tarde ata a capital do Ribeiro para coñecer o desenvolvemento desta actividade que conta coa colaboración deste departamento da Xunta.

















