Ourense, 13 de abril de 2026.
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou hoxe na inauguración do novo almacén da compañía Obramat, unha empresa de referencia na distribución de materiais para construción e reforma que chega a Ourense cunhas amplas instalacións no polígono industrial de San Cibrao das Viñas.
A aposta desta compañía pola área industrial máis importante de Ourense, e tamén una das máis significadas de Galicia, é “un síntoma claro de que esta provincia está viva, de que somos un territorio atractivo para o investimento e de que sabemos ofrecer as condicións necesarias para que as grandes firmas poñan os seus ollos en nós”, dixo Menor.
Agradeceu aos directivos de Obramat a súa aposta por Ourense, “creando emprego local, ofrecendo oportunidades no territorio para reter a profesionais e captando talento grazas á vosa liña de formación”, afirmou o presidente da Deputación de Ourense, que tamén subliñou como valor a atención aos provedores locais.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Trátase do terceiro almacén que abre Obramat en Galicia contribuíndo a dinamizar “o sector servizos e reforzar a competitividade dos nosos profesionais e autónomos, que terán aquí un importante aliado no seu día a día”, sinalou o presidente provincial.
Luis Menor comprometeuse a seguir traballando desde a Deputación para “ofrecer as condicións idóneas” para atraer novos investimentos e posibilidades de negocio para “garantir o futuro e o progreso da nosa provincia”.
Ademais, aproveitou a ocasión para reivindicar infraestruturas industriais na provincia que contribúan tamén a fortalecer o tecido produtivo ourensán, tales como a ampliación do polígono de San Cibrao; a estación de mercadorías por ferrocarril, a ampliación do parque empresarial do Pereiro ou a posta en marcha da área de Paderne de Allariz.
















