A Feira do Viño do Ribeiro, que se celebrará do venres 1 ao domingo 3 de maio, dará este ano un paso adiante en materia de inclusión coa posta en marcha de novas iniciativas destinadas a achegar o evento a todos os públicos, especialmente ás persoas con discapacidade auditiva. Unha das principais novidades será a creación dun espazo específico dentro do stand institucional da Feira, que funcionará como unha pequena emisora de radio. Dende este punto realizaranse entrevistas a adegueiros, colleiteiros, representantes institucionais e outros protagonistas da feira, que se emitirán en SIRadio e tamén se gravarán en formato podcast.
Esta iniciativa enmárcase no proxecto “Xeodestino Ribeiro–Carballiño Inclusivo”, centrado na accesibilidade comunicativa a través de contidos audiovisuais dixitais en lingua de signos. A acción desenvólvese grazas á colaboración entre o Concello de Ribadavia, o Consello Regulador e Pequeno Ribeiro, así como á implicación e participación da Asociación de Persoas Xordas de Ourense (APSOU).
O proxecto, impulsado por Streaming Ribeiro e Pequeno Ribeiro, consistirá na realización de micro entrevistas audiovisuais accesibles —con interpretación en lingua de signos— que permitirán dar visibilidade ás adegas e colleiteiros participantes. Estas pezas, de formato áxil e próximo tipo podcast, serán posteriormente entregadas a cada participante para a súa difusión en redes sociais e outros canais propios.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Ademais, a programación oficial incorporará interpretación en lingua de signos nalgúns dos actos máis destacados, como o acto inaugural, a entrega de premios do domingo 3 de maio e unha das rutas en autobús programadas para esa mesma xornada, concretamente a das 11:00 horas. Para participar nesta actividade será necesaria inscrición previa.
Durante a feira tamén se informará aos expositores sobre esta iniciativa, establecendo quendas de participación para facilitar a gravación das entrevistas sen interferir na actividade habitual dos stands.
Como complemento á programación, Ribadavia acollerá tamén este ano unha Feira de Artesanía paralela, que se instalará na Praza Maior, ampliando así a oferta cultural e de lecer para veciñanza e visitantes.
A concelleira de Cultura e Turismo, Yolanda Gómez, destacou que “queremos que a Feira do Viño do Ribeiro sexa un espazo aberto e accesible para todas as persoas, independentemente das súas capacidades. A inclusión ten que formar parte do propio ADN do evento”.
Ademais, sinalou que “esta colaboración por parte da organización da Feira do Viño do Ribeiro con Pequeno Ribeiro e coa Asociación de Persoas Xordas de Ourense permítenos avanzar cara a unha feira máis diversa, ao tempo que ofrecemos ás adegas e colleiteiros unha ferramenta útil para dar a coñecer o seu traballo”.
Con estas iniciativas, a Feira do Viño do Ribeiro dá un paso máis para ser un evento pensado para todo o mundo, no que a accesibilidade e a participación real gañan protagonismo.

















