Comunicado de “Xuntos por San Amaro “

Xuntos por San Amaro levará á Fiscalía o soldo do Alcalde

COMUNICADO

AVANTAR ACTIVIDADES

O pasado 20 de setembro, o portavoz de Xuntos, Carlos Paz, realizaba unha pregunta no Pleno motivada por unha das situacións irregulares ou dubidosas que está detectando o noso partido no funcionamento cotián deste concello. Expoñía naquel entón Carlos Paz que o alcalde, sr. Redondo, estaba cobrando un soldo das veciñas e dos veciños do San Amaro sen ter aprobada a dedicación polo Pleno nin estar moi claro se realizaba o correspondente pagamento á Seguridade Social, como está obrigado polo artigo 75 e seguintes da Lei 7/1985 de Bases de Réxime Local e como facemos todas as traballadoras e todos os traballadores do San Amaro”. E, neste sentido, preguntaba onde se atopaba a aprobación plenaria da súa dedicación, necesaria para cobrar este sobresoldo con cargo á partida de 12.000 € anuais que aprobara o PP xunto á concelleira tránsfuga Sonia Ordóñez e á concelleira do PSdG, Sandra Daparte. amais de solicitar tamén se nos dixera se cotiza á Seguridade Social como todas as traballadoras e todos os traballadores, polo soldo que percibe do concello.

A día de hoxe, 3 meses despois, o sr. Redondo non foi quen de xustificar a situación ilegal da paga que percibe das arcas públicas, nin sequera amosou o mínimo interese en facelo. Lonxe disto, comprobamos que segue percibindo a súa paga en situación ilegal e sen cotizar á Seguridade Social. E atopámonos, na véspera da Noiteboa, con unha convocatoria de Pleno ordinario no que segue sen incluírse a aprobación da dedicación do alcalde nin un punto para explicar esta situación irregular. Un Pleno -por certo- para aprobar os orzamentos do vindeiro exercicio propostos polo propio alcalde do Partido Popular, cuxa documentación á penas podemos consultar (parcialmente) un par de días antes do Nadal.

Por outra parte, cómpre incidir no feito do que semella unha ocultación da información, pois despois de termos solicitado a consulta de diversa documentación necesaria para o desenvolvemento das nosas funcións, con arranxo ao art. 77 da Lei 7/1985 de Bases de Réxime Local e ao art. 14 do RD 2568/1986 ROFRJEL, atopámonos con demoras inxustificadas ou respostas curiosas que só podemos entender desde a máis absoluta das irresponsabilidades ou desde a tentativa de ocultación de documentos. Neste ano que vai rematar, solicitamos acceso a distintos documentos que obran en poder dos servizos da Corporación para poder desenvolver as nosas funcións. É preciso lembrar que a lei obriga a poñer ao dispor de calquera membro da Corporación a documentación requirida nun prazo máximo de 5 días. Caso de transcurrir eses 5 días naturais sen ter recibido unha resolución motivada da denegación do acceso á documentación requirida, enténdese concedido o solicitado. Lonxe disto, o alcalde sempre resposta (case sempre pasados os 5 días), demorando a consulta con excusas as máis das veces peregrinas ou que raian na ilegalidade.

Sobre as 3 solicitudes enviadas no ano 2022, o alcalde SEMPRE incumpriu TODOS os prazos legais e mesmo as ordes lexislativas, ao negarnos o acceso á documentación solicitada. A esta altura do ano, só puidemos consultar por completo 1 dos 3 documentos solicitados (e foi na sede electrónica, ao subilo con demora e como resposta á nosa demanda). Con este comportamento, o alcalde do Partido Popular provoca un fastío e un gasto inútil tanto do meu grupo como dos recursos municipais, amais de evidenciar unha falta de respecto pola orde xurídica, polos procesos democráticos e polos representantes democráticos da soberanía.

Faise preciso un cambio no concello do San Amaro. Un cambio que democratice e fomente a transparencia, o respecto e a lealtade institucional. Tres factores que deben operar sempre en todos os servizos públicos (tanto representantes políticos como traballadoras/es). Os recursos públicos son de toda a veciñanza e -neste sentido- deben ser empregados co maior dos respectos e na procura da maior e mellor rentabilidade social. En Xuntos por San Amaro renegamos da crispación, dos insultos e aínda da xudicialización da vida política, pero a experiencia deste último ano obríganos a pensar que -talvez- a acción xudicial sexa a única alternativa cando non hai intención de diálogo nin respecto institucional nin xurídico por parte da actual Alcaldía do concello do San Amaro.

Neste sentido, vindeiro luns 26 de decembro ás 11 da mañá, o portavoz de Xuntos por San Amaro, Carlos Paz, presentará unha denuncia diante da Fiscalía provincial de Ourense, achegando a documentación necesaria para que esta Fiscalía valore a gravidade e o grao delictivo dos feitos enriba relatados.