O BNG do Carballiño vén de facer un chamamento ao goberno municipal (PSdeG-PSOE e PP) para que deteña as obras no parque municipal da vila, que consulte á cidadanía, que recupere políticas participativas que xeren consenso e que deseñe un Plan Integral que englobe todas aquelas actuacións a realizar e que estean xustificadas, sendo prioritarias tamén outras moitas intervencións necesarias, vendo o estado actual do parque:concesión do Pote abandoada,baños pùblicos pechados, beirarrúas levantadas polo tempo e as raíces, columpios e áreas
de lecer en ruínas, mantemento de pasarelas e pontes, desbroces, papeleiras e un longuísimo etcétera, sinalou Manuel Chan, responsábel local do BNG do Carballiño.
“Os traballos no Parque son un exemplo claro da falla de proxecto deste goberno híbrido e dos partidos que o forman para o noso concello”, sinalaba o responsábel local do BNG do Carballiño, á vez que explicaba que o parque municipal é un espazo con case cen anos de historia e cun gran valor medioambiental, patrimonial e sentimental para a vila. Desde o Bloque denuncian que nos últimos tempos se están a
executar actuacións sen ningún tipo de asesoramento profesional, fóra dun proxecto global e marcadas pola improvisación, a falta de transparencia e a ausencia de participación veciñal.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Desde a organización nacionalista sinalan ademais diversas irregularidades, nalgúns casos de dubidosa legalidade e executadas sen transparencia, como “talas de árbores e podas realizadas por persoal non cualificado nin asesoramento profesional que as xustifique; ou recollidas de augas con materiais propios de obra civil utilizados nas cunetas de estradas e impropios dun parque”. A estes feitos engádese a última actuación nas Barcias, que ten xerado unha forte indignación social, unha obra que, amparada nun suposto saneamento e drenaxe, xa levou por diante un ecosistema completo arredor da lagoa artificial e das minas de auga que a alimentan, co propósito de converter este espazo natural nunha explanada para concertos, segundo declaracións do alcalde accidental. Tamén se pretende construír unha grada con pedra allea á tradición construtiva local.
Para os nacionalistas, esta é unha obra de dubidosa legalidade ao situarse nunha zona verde, descoñecéndose se se realizaron os cambios urbanísticos pertinentes e se existen os informes preceptivos (Secretaría, Intervención, Arquitecto municipal, Confederación Hidrográfica, entre outros). “O ben patrimonial que aínda perdura no tempo non pode ser tratado deste xeito”, declaraba Manuel Chan, quen afirmaba que todas as actuacións deben partir dun consenso que inclúa ao conxunto da sociedade carballiñesa e permita elaborar entre todos un proxecto de parque para o presente e o futuro.
Desde a organización frontista sinalan que están dispostos a contribuír de forma construtiva, achegando propostas que xiren arredor da súa historia, do seu valor medioambiental e patrimonial e do uso e desfrute público, sempre orientadas á protección deste espazo singular. Os nacionalistas rematan lembrando as consecuencias das políticas urbanísticas sen control que padeceu historicamente a vila, marcadas por intereses especulativos privados fronte ao interese xeral, que provocaron a perda de construcións de gran valor patrimonial, fachadas históricas, así como a aparición de edificacións que alteran gravemente a paisaxe urbana, como os “rañaceos” que ocultan o templo da
Veracruz.

















