O CPI Terras de Maside é un dos centros da provincia de Ourense que veñen de ser seleccionados pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP para desenvolver o programa ‘Impulso Mentor’ para a prevención do abandono escolar no alumnado de etnia xitana. Unha iniciativa posta en marcha este curso pola Xunta de Galicia coa colaboración da Fundación Secretariado Xitano.
Analizadas as solicitudes, son dez os centros seleccionados para desenvolver este proxecto, coa participación de máis de 370 alumnos de 5º e 6º de Primaria e dos catro cursos da Educación Secundaria Obrigatoria. Ao abeiro de Impulso Mentor, os centros desenvolven tres tipos de iniciativas: mentorías, sesións grupais e clases de reforzo fóra do horario lectivo.
No caso das mentorías, cada centro selecciona entre tres e cinco alumnos para participar nun proceso de asesoramento e acompañamento en sesións individuais. No caso das sesións grupais, trátase de charlas de 50 minutos impartidas por profesionais con experiencia en cultura xitana para dar a coñecer as súas tradicións, valores e patrimonio cultural. Finalmente, o reforzo das competencias clave fóra do horario lectivo desenvólvese a través de titorías personalizadas e sesións de apoio educativo cunha duración de dúas horas semanais.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Os centros seleccionados na provincia son, ademais do Terras de Maside, o CEIP Xesús Taboada Chivite, de Verín, e o CEIP Plurilingüe Manuel Sueiro, de Ourense. Na Coruña, o IES de Catabois, do Ferrol; en Lugo, o CEIP Plurilingüe de Monforte de Lemos, mentres que en Pontevedra foron elixidos o CEIP Plurilingüe Marquesa do Pazo de Mercé, de As Neves, o CEIP de Viñas, en Poio, o IES Ricardo Mella, de Vigo, e, finalmente, os CEIP da Ribeira e IES Ribeira do Louro, ambos do Porriño.
O programa Impulso Mentor, enmarcado na Estratexia de inclusión educativa da Xunta, ten como obxectivo motivar e acompañar ao alumnado desta etnia, evitando que abandone o sistema educativo. Para iso, preséntanselles referentes que melloran a súa confianza en si mesmos e que lles amosan as diferentes posibilidades de desenvolvemento académico e persoal.Nesta mesma liña, a Consellería de Educación ten a disposición do sistema educativo unidades didácticas sobre o pobo xitano para promover o coñecemento da súa historia e riqueza cultural, adaptados ás etapas de Educación Infantil, Primaria e ESO.









