Talía Teatro reflexiona sobre o instinto animal das persoas na súa obra “Un deus salvaxe”, que representarán este sábado no Auditorio do Carballiño

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Concello do Carballiño, a través da Concellería de Cultura, programa este sábado a obra “Un deus salvaxe” da compañía Talía Teatro, unha das mellores do panorama galego. “Trátase dunha obra cunha temática moi actual, imos ver como se xoga co humor, co drama e coa tensión enriba do escenario”, apuntou esta mañá Diego Fernández, concelleiro de Cultura, durante a presentación da obra.

Artur Trillo, o director da peza teatral, convidou á poboación a achegarse ao Auditorio e recordou a boa acollida do público do Carballiño da anterior obra da compañía, “Unha inimiga do pobo”, hai dous anos. “Esta nova proposta é un espectáculo que combina comedia e drama a través dunha historia moi sinxela: un neno que lle rompe dous dentes a outro neno nun parque”, detallou. A partir dese incidente, as familias dos dous nenos van intentar alcanzar un acordo de xeito pacífico sen chegar a conseguilo. “Os pais presumen de ser xente dialogante, pero co tempo sacan o seu lado máis animal, instintivo, e a situación, que era cívica e dialogante, convértese no contrario”, explicou Trillo, quen asegurou que o público sentirá identificado cos protagonistas.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


O director tamén destacou a calidade do texto, escrito pola francesa Yasmina Reza, e da escenografía. “A nosa aposta é chegar ao espectador a través dunha escenografía moi contundente de formato amplo, así como coidar o vestiario e a iluminación”, resaltou.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A función é este sábado, día 25 de abril, ás 20,00 horas no Auditorio Municipal. As entradas, que se poderán adquirir o propio día no despacho de billetes, custan 5 euros.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------