O delegado territorial da Xunta en Ourense Gabriel Alén visitou no concello de Paderne de Allariz o obradoiro de Garantía Xuvenil “Manco Xove IV”

A XUNTA PON EN VALOR QUE OS OBRADOIROS DE PADERNE DE ALLARIZ E VERÍN PERMITIRÁN A FORMACIÓN E O ACCESO LABORAL DOS MENORES DE 30 ANOS

  • A Xunta investirá máis de 700.000 mil euros en dous obradoiros de garantía xuvenil na provincia de Ourense
  • Alén Castro, sinalou que os talleres están dirixidos á realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, busque a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral
  • O representante do Goberno autonómico destacou que a formación que se imparte nos concellos está adaptada aos perfís máis demandados das empresas da contorna polo que algúns alumnos atopan emprego mesmo antes de finalizar a súa formación

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, trala visita institucional ao concello de Paderne de Allariz, onde mantivo unha reunión de traballo co seu alcalde, José Manuel Fernández, achegouse ás instalacións do obradoiro de emprego “Manco Xove IV”, no que a Xunta investiu máis de 369.000 euros. A mesma cantidade, lembrou o delegado territorial, que o Goberno galego asinou ao obradoiro “Mocidade da Mancomunidade de Verín”, o que supón un investimento total de máis de 700.000 euros na provincia de Ourense.

AVANTAR ACTIVIDADES

Nestes cursos, que principiaron o 15 de setembro, estanse a impartir dúas especialidades: repoboacións forestais e tratamentos  silvícolas, e atención socio sanitaria en institucións sociais. Alén Castro, sinalou que os talleres están dirixidos á realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, busque a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral. Esta formación impulsa tamén o emprendemento, xa que os beneficiarios reciben formación específica que lles permitirá iniciar os seus propios proxectos.

O representante do Goberno autonómico destacou que a formación que se imparte nos concellos está adaptada aos perfís máis demandados das empresas da contorna polo que algúns alumnos atopan emprego mesmo antes de finalizar a súa formación. O delegado da Xunta felicitou aos participantes: “porque teredes a oportunidade de formarvos durante  meses e de traballar para mellorar as vosas capacidades profesionais e a vosa empregabilidade, polo que é moi importante aproveitar esta formación para poder atopar un emprego”.

As entidades promotoras dos programas son os  concellos, mancomunidades de  concellos ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a un  concello de Galicia. A Xunta de Galicia financia os gastos derivados da posta en marcha e desenvolvemento do programa e os custos de contratación das persoas mozas participantes.

A etapa de formación en alternancia coa práctica profesional ten unha duración de 12 meses, que tamén estará dirixida á aprendizaxe,  cualificación e adquisición de experiencia profesional.