O Psdeg-Psoe de Ourense reclama a “posta en valor” de Manzaneda e que se tomen medidas “urxentes” contra o “desleixo, o abandono e o despilfarro económico”

O grupo provincial socialista non participou na videoconferencia sobre o estado da provincia alegando que se trata dunha cuestión “sen sentido” e orientada a quen “non quere render contas públicas do que acontece na provincia de Ourense”

Os socialistas desprazáronse ata a estación de montaña de para comprobar de primeira man o abandono das instalacións e a ausencia “dun proxecto que permita dar vida a unha das xoias da provincia”

AVANTAR ACTIVIDADES

AUDIO ( Premer na Imaxe )

VIDEO ( Premer na Imaxe )

O Grupo Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense visitou esta mañá a estación de montaña de Manzaneda, onde os deputados e deputadas provincias, co voceiro Rafael Rodríguez Villarino a cabeza, fixeron un percorrido polas instalacións, totalmente pechadas para comprobar de primeira man o “abandono e desleixo” que sofren por parte da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia. Estiveron acompañados polo alcalde de Manzaneda, Amable Fernández; o concelleiro socialista en A Pobra de Trives, Rubén Alfonso Armenteros e polo representante do sindicato CSIF e empregado da empresa que xestiona a estación de montaña, Jesús Álvarez.

Unha estación de montaña e esquí, cuxas instalacións se atopan neste momento totalmente pechadas, pero na que se observa a situación de abandono que sofre, con lixo polas cunetas, árbores caídas e impedindo o emprego de merendeiros e instalacións que caen a cachos. O voceiro provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, subliñou que “a estación de Manzaneda ten futuro, pero non seguindo os pasos que se teén dado o longo dos últimos anos”. O líder dos socialistas ourensáns fixo un chamamento a “repensar” o futuro da estación e a “ter un hotel en condicións e que agora mesmo non hai e é o que reclaman os turistas”. Tamén fixo fincapé na importancia de “revisar o plan de futuro da estación”.

Villarino denunciou tamén a “preocupante” situación que se vive en Manzaneda, xa que o 31 de decembro a concesionaria actual deixa de exercer as súas funcións e o concurso quedou deserto, polo que segundo afirma “non sabemos que vai a acontecer, se seguirá xestionando OCA un negocio que descoñece ou se vai haber algún plan para cambiar o sino da estación”. “Non é posible que se manteñan unhas instalacións nesta situación de abandono, de falta de proxecto e de opacidade nas contas”.

Os socialistas esgrimen que Manzaneda “ten futuro” e apuntan que “trátase dun lugar de gran riqueza e que proporciona postos de traballo e move a economía na comarca”, pero denuncian que coa actual xestión o único que hai “é abandono e un baleiro absoluto”. Tamén esixen que se “rendan contas da xestión a través dunha auditoría” e denuncian a “opacidade” nas mesmas e a “falta total de previsión para a tempada de neve”, xa que a estación nestes momentos se atopa pechadas e 35 traballadores en ERTE.

Sobre os empregados manifestouse o representante do sindicato CSIF, Jesús Álvarez, quen é ademais empregado da empresa dende hai máis de 44 anos, que sinalou “o descontento que hai entre os empregados coa Deputación”. Segundo apunta o sindicalista “está todo moi estancado e non sabemos que vai pasar cos postos de traballo e coa temporada, xa que os remontes e a hostalería están parados e está todo sen facer”. Tamén fixo fincapé na súa “preocupación” polas decisións que adoptan a Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense.

Pola súa banda o concelleiro socialista en A Pobra de Trives, Rubén Alfonso Armenteros requiriu a apertura “inmediata” da estación e o “retorno” dos traballadores aos postos de traballo. O socialista tamén expresou que tanto o concello de Trives como o de Manzaneda “esiximos de maneira inminente que se presentan as contas dos últimos anos de MEISA para poder revisar todas as partidas orzamentarias”. Insistiu tamén “na necesidade de que os concellos volvan a estar na parte que lle corresponde no consello de administración”.

O alcalde de Manzaneda, Amable Fernández, afirmou que o estado da estación e da súa contorna é “deplorable”. “A xente acude a pasear, dende que se levantaron as restricións do confinamento, e pasea por un lugar pechado cun entorno sen recoller que produce tristeza”, explicou Fernández. O rexedor tamén sinalou que “nestes momentos poderíase e deberíase estar poñendo todo a punto para a apertura” e destacou que “pese a vontade do Concello os que teñen o poder para tomar as decisións son a Xunta e a Deputación”. Finalizou afirmando que a estación “vai esmorecendo xunto co emprendemento da zona e os negocios que xiraban entorno aos usuarios e usuarias da estación de montaña, como as casas de turismo rural que se están a ver prexudicadas”.

O deputado provincial, Aurentino Alonso, explicou que a Xunta e a Deputación acaban de “facer unha inversión grande” (5 millóns de euros) co sistema de innivación. Apuntou tamén a que “tal e como se leva pedindo dende o PSOE a ambas administracións a estación de Manzaneda precisa un plan urxente e de futuro no que se analice o que pode dar de si”. “A neve non é un ben que se compre e a inversión está ben, pero o plan debe ser moito máis ambicioso para aproveitar os recursos e as moitas posibilidades que ofrece a estación os 365 días do ano”, explicou o deputado provincial dos socialistas ourensáns, antes de destacar que Manzaneda “é a gran estación en canto a instalacións do norte de España e eles ao ser os principais accionistas son os que teñen que decidir o futur”. Por último tamén fixo reiteración para ter accesoa ao expediente, porque segundo manifestou, ” a transparencia da que fai gala Baltar, debe estar á disposición dos veciños e veciñas para saber que se fixo e que hai detrás da xestión”.

Os socialistas non acudiron deste xeito ao debate do estado da provincia, que desta vez se celebrou por videoconferencia, sinalando que “é unha cuestión sen sentido, orientada a que non se queren render contas públicas co que acontece na provincia” e manifestaron que “os problemas de Ourense están a pé de rúa e non diante da pantalla dun ordenador e aquí en Manzaneda temos moitos, cunha estación de esquí e montaña totalmente paralizada e que perde turistas e oportunidades a marchas forzadas”.