O Concello de Beade asume a proposta de mellora da seguridade na estrada a Caldelas de Berán, zona de paso dos peregrinos polo Camiño da Geira e dos Arrieiros

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O PSdeG-PSOE de Beade vén de sacar adiante e por unanimidade do pleno da Corporación Municipal unha moción orientada a mellorar a seguridade viaria e peonil nun tramo da estrada OU-212, reforzando así o seu compromiso co benestar da veciñanza e co desenvolvemento do municipio. Esta iniciativa fora plantexada, o pasado mes de xaneiro, pola Asociación Camiño Xacobeo Miñoto Ribeiro ante o Concello de Beade, na que se instaba a negociar coa Xunta de Galicia un proxecto de mellora da seguridade viaria nesta estrada12, de titularidade autonómica e que enlaza co municipio de Avión.

Dende este colectivo apuntaban que “o treito da estrada autonómica OU-212, comprendido entre a igrexa parroquial de Santa María de Beade (km 40) e aproximadamente 700 metros en dirección á localidade de Caldelas de Berán (ata arredor do km 39), constitúe na actualidade un trazado de paso habitual para peregrinos e camiñantes, ao coincidir co itinerario do Camiño da Geira e dos Arrieiros”.

A moción do Grupo Socialista de Beade, presentada pola súa voceira, Carmen Rama Cotelo, xunto co concelleiro Miguel Carreiro Estévez, plantexouse nos mesmos termos cá da Asociación, e nela ponse de manifesto a situación actual desta vía, que coincide cun tramo do Camiño da Geira e dos Arrieiros, transitado tanto pola veciñanza como por un número crecente de peregrinos. “A inexistencia dun itinerario peonil alternativo provoca que as persoas teñan que circular pola beiravía da estrada, incrementando o risco de accidentes”, explica a voceira socialista, Carmen Rama Cotelo.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Neste senso, o texto aprobado recolle a necesidade de executar un sendeiro seguro, especialmente na marxe dereita da vía, que cumpra criterios de seguridade, accesibilidade e integración paisaxística, ao tempo que contribúa á posta en valor da contorna. A voceira socialista subliñou tamén que “o incremento de peregrinos nos últimos anos fai aínda máis urxente actuar, garantindo a súa seguridade e consolidando Beade como un punto de paso seguro e atractivo dentro do Camiño”. A proposta inclúe ademais a solicitude dun proxecto técnico detallado e o estudo de posibles vías de colaboración e financiamento entre administracións, así como o compromiso de informar á corporación municipal dos avances nas xestións realizadas.

Outras iniciativas aprobadas no pleno

No mesmo pleno, o PSdeG-PSOE de Beade acadou tamén o respaldo unánime da corporación para outras dúas mocións centradas na igualdade e no benestar social, reforzando o seu compromiso cun concello máis xusto e inclusivo. Por unha banda, aprobouse unha moción con motivo do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, na que se reafirma o compromiso institucional coa igualdade real entre mulleres e homes. A iniciativa pon o foco na necesidade de seguir combatendo as desigualdades estruturais que aínda persisten, especialmente en ámbitos como o emprego, a conciliación, os coidados ou a loita contra a violencia machista. Ademais, fai fincapé nos novos retos derivados dos entornos dixitais e na importancia de frear os discursos que cuestionan os avances en igualdade, apostando pola educación en valores e pola implicación das administracións públicas.

Asemade, saíu adiante unha moción para avanzar na incorporación da perspectiva de xénero nas políticas de saúde e mellorar a atención sanitaria ás mulleres en Galicia. O texto destaca a necesidade de adaptar a investigación, os diagnósticos e os tratamentos ás especificidades femininas, superando a tradicional visión centrada no modelo masculino. Así mesmo, propón reforzar a investigación, a formación do persoal sanitario e o desenvolvemento de estratexias específicas que garantan unha atención máis equitativa e eficaz.

A voceira socialista, Carmen Rama Cotelo, salientou que “estas iniciativas demostran que o PSdeG-PSOE de Beade traballa de maneira constante por impulsar políticas que melloren a vida das persoas, promovendo a igualdade real e garantindo servizos públicos máis xustos e adaptados ás necesidades da veciñanza”.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------