O grupo de percusión Percúcar, pertencente ao Conservatorio e Escola de Música do Carballiño, participará esta fin de semana en dúas destacadas citas do panorama musical galego. Os músicos carballiñeses desprazaranse ata o festival ‘Percusión Fest’ e o ‘Vallafesti’, ambos na cidade de Vigo, para demostrar a súa calidade. “Son dúas moi boas oportunidades para amosar o gran traballo que están a realizar docentes e estudantes no Conservatorio e na Escola de Música do Carballiño”, destaca Lorena Castro, concelleira de Educación.
O venres 24 será a quenda do Percusión Fest, organizado polo Conservatorio Superior de Música de Vigo. Trátase dunha cita de especial relevancia, xa que Percúcar compartirá cartel con alumnado dos conservatorios superiores de Galicia, o que supón unha oportunidade única para convivir e aprender.
Ao día seguinte, o sábado 25, o grupo formará parte do Vallafesti, o festival organizado polo Conservatorio e a Escola de Música da Unión Musical de Valladares. Os carballiñeses subirán ao escenario co seu repertorio e desfrutarán da convivencia coas distintas agrupacións participantes.
Estes concertos enmárcanse dentro dunha serie de festivais anuais, externos ao centro, no que Percúcar participa de xeito habitual. Nesa liña, o grupo xa estivo presente o pasado mes no festival Percustrata celebrado na Estrada, e continuará coa súa actividade nos próximos meses coa participación no festival O Carballiño Soa en maio e en Apertuke, en Nigrán, en setembro.
Este tipo de actividades contribúen de xeito significativo á formación do alumnado xa que favorecen o intercambio musical e humano con outras institucións, ademais de promocionar a percusión entre diversos públicos.

















