Sofía García presenta unha moción para impulsar un Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) no Carballiño

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Carballiño, a 29 de abril de 2026
A concelleira non adscrita Sofía García vén de presentar unha moción para o seu debate no pleno municipal co obxectivo de impulsar a elaboración e implementación dun Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) no Concello do Carballiño.
A iniciativa parte dun diagnóstico claro: o actual modelo de mobilidade da vila continúa centrado no vehículo privado, o que está a xerar problemas de accesibilidade, inseguridade viaria, deterioro do espazo público e desigualdades no dereito a desprazarse.
Segundo sinala Sofía García, “a mobilidade non pode ser un privilexio, ten que ser un dereito garantido para todas as persoas, vivan onde vivan e teñan as condicións que teñan”. Neste sentido, a concelleira advirte de que a situación actual afecta especialmente ás persoas maiores, á infancia e ás persoas con mobilidade reducida, que atopan serias dificultades para moverse con autonomía polo Carballiño.
A moción aposta por un cambio de modelo cara unha vila máis xusta, inclusiva e sostible, na que o espazo público deixe de estar dominado polos coches e pase a estar pensado para as persoas. Para iso, proponse a elaboración dun PMUS que permita planificar de maneira integral a mobilidade, con medidas a curto, medio e longo prazo.
Entre as actuacións prioritarias que recolle a proposta destacan a mellora e ampliación das beirarrúas, a eliminación de barreiras arquitectónicas, a creación de itinerarios peonís seguros, a reorganización do tráfico rodado, a peonalización progresiva de rúas e o desenvolvemento dunha política de aparcadoiro máis racional, con zonas de rotación e aparcadoiros disuasorios.
A iniciativa tamén pon o acento na participación cidadá, reclamando que o plan se elabore coa implicación activa da veciñanza, do comercio local e dos colectivos sociais, especialmente aqueles que representan ás persoas con diversidade funcional, á infancia e ás persoas maiores.
Sofía García subliña que “falar de mobilidade é falar de igualdade, de saúde pública e de dereito á cidade. Non podemos seguir tendo un espazo público que exclúe e limita a unha parte da veciñanza”.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS



A concelleira lembra ademais que, malia as adhesións do Concello a iniciativas como as cidades que camiñan, “non existe a día de hoxe unha planificación real nin unha estratexia definida que transforme o modelo de mobilidade da vila”, polo que considera imprescindible pasar “das declaracións simbólicas ás políticas efectivas”.
A moción inclúe tamén a necesidade de establecer un calendario concreto para a redacción e execución do plan, así como mecanismos de seguimento e avaliación, e a solicitude de apoio técnico e financiamento a outras administracións.
Con esta proposta, Sofía García chama ao conxunto da corporación a asumir “un compromiso real co presente e o futuro do Carballiño, apostando por unha vila máis humana, máis accesible e máis sostible”.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------