Este mes de abril, a Sociedade de San Vicente de Paul cumpre 75 anos no Carballiño. Durante a súa traxectoria a conferencia leva realizado un traballo incansable para dar apoio ós máis desfavorecidos e, nos últimos anos, de forma conxunta con Cáritas Carballiño. Desta maneira, son centos de familias da comarca do Carballiño que cada ano ven atendidas as súas necesidades, dende alimentación, medicamentos ou mesmo recibos de aluguer ou auga.
Por este motivo, a Corporación Municipal, ao través dun acordo conxunto de tódolos grupos políticos, realizou unha declaración institucional pola que queren “destacar a labor realizada durante estes 75 anos e amosar o noso agradecemento ós voluntarios que co seu esforzo fixeron e fan que este proxecto siga a ser un referente”.
A Conferencia de San Vicente de Paúl do Carballiño foi fundada o 5 de abril de 1951, integrando a mesa da mesma Ubaldo Rivas, xuíz comarcal, como presidente; José Luis García Valcárcel, notario, como vicepresidente, e José García Cuiñas, empregado, de secretario, e Julio González Pereira, industrial, de tesoreiro da entidade.
Así, a asociación iniciaba a mediados do século pasado unha laboura que, na actualidade, ten continuidade na parroquia de San Cibrao do Carballiño, traballando conxuntamente con Cáritas, atendendo as necesidades materiais e espirituais da comunidade, como centro de distribución de alimentos e axudando económicamente ás familias máis desfavorecidas no pago dos recibos de auga, luz, alugueres ou medicamentos, entre outros.
Neste sentido, na memoria de Cáritas e da Conferencia de San Vicente de Pâúl, que coordina Juan Ramón Estévez, correspondente ao ano 2025, atenderon a un global de 8.114 persoas pertencentes a 338 familias, das cales 12 eran transeúntes, polo que se lles facilitou aloxamento en réxime de media pensión nun hostal da vila do Arenteiro. Elo significa que foron 3.220 as actuacións totais da entidade, considerando que cada ‘actuación’ supón facilitar a axuda posible a cada unha das familias que acude as dependencias da Conferencia, ubicadas nos baixos da Casa Parroquial, no número 3 da rúa Evaristo Vaamonde. Unhas actuacións que non se circunscriben só ao municipio carballiñés, senón ao resto de concellos da comarca e incluso da veciña do Ribeiro.
O balance económico presentado pola asociación solidaria reflexa un volume superior aos 53.000 euros en gastos, pagados por fondos propios de Cáritas e da Conferencia parroquiais, ademais das subvencións do Concello do Carballiño (20.000 €) para Cáritas; da Xunta de Galicia (9.200 €) para a Conferencia; Concello de Maside (3.000 €) e Caixabank (1.500 €).
Un diñeiro que ambas entidades destinan á adquisición de alimentos non perecedoiros para as familias máis necesitadas, e que superaron os 37.400 kgs, e ao pago de alugueres, luz, gas, gastos farmacéuticos e ópticos, funerais, atención a transeúntes, e axudas a viaxes, libros e calefacción, entre outros.
En definitiva, un traballo que, según Juan Ramón Estévez, non sería posible sen a participación de voluntarios, “e grazas ao apoio das administracións públicas e privadas e as aportacións de particulares, a Sociedade de San Vicente de Paúl e Cáritas Parroquial podemos dar un maior apoio ás familias máis necesitadas”. Unha laboura solidaria moi importante e que cara o futuro precisa de continuidade con novas incorporacións para recoller e manter o legado daqueles catro veciños do Carballiño que fundaron a Conferencia hai xa 75 anos.
















