O Concello de Boborás quere trasladar a súa fonda preocupación polos feitos acontecidos o pasado sábado na zona da Almuzara, onde, segundo a información recibida, varios animais domésticos puideron ser obxecto de disparos con balíns.
Unha gatiña resultou gravemente ferida tras recibir o impacto dun balín que lle atravesou o ollo, causándolle lesións moi graves que finalmente provocaron o seu falecemento tras permanecer ingresada nun hospital veterinario. Os seus donos, profundamente afectados polo acontecido, van proceder a presentar a correspondente denuncia perante a Garda Civil do Carballiño.
Dende o Concello queremos expresar a nosa absoluta condena ante este tipo de comportamentos, que son dunha gravidade extrema e totalmente intolerables. Facer dano a un animal desta maneira non é unha “broma” nin unha travesura: é un acto cruel, perigoso e denunciable.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Así mesmo, pedimos á veciñanza da zona que extreme a precaución cos seus animais domésticos e que, se alguén viu algo ou pode achegar calquera información que axude a esclarecer o sucedido, se poña en contacto coa Garda Civil do Carballiño ou co Concello de Boborás.
A colaboración cidadá pode ser fundamental para identificar á persoa ou persoas responsables e evitar que feitos coma estes volvan repetirse.









