Carballiño CCA pon en marcha a campaña “O Comercio en Flor”, unha nova acción de dinamización comercial que se desenvolverá do 12 ao 30 de maio coa finalidade de incentivar as compras no comercio de proximidade e reforzar o vínculo entre a veciñanza e os negocios locais. A iniciativa, que conta coa cofinanciación da Xunta de Galicia, p ermitirá que todas as persoas que realicen compras nos establecementos asociados poidan participar no sorteo de dous vales de compra de 50 euros cada un.
Para participar, a clientela deberá realizar unha compra nun comercio adherido, escanear o código QR da campaña e rexistrar o seu ticket na plataforma habilitada ou accedendo a web https://comerciocarballino.com/o-comercio-en-flor/. O sorteo realizarase o 1 de xuño a través das redes sociais de Carballiño CCA.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Con esta acción, o colectivo comercial busca visibilizar a importancia do comercio local como motor económico e social da vila, coincidindo coa tempada primaveral e baixo unha imaxe fresca e próxima que convida á cidadanía a seguir apostando polos negocios de proximidade.
O presidente de Carballiño CCA, Julián Garriga, destacou que esta campaña “é unha oportunidade para seguir fortalecendo o tecido comercial local e para lembrar que cada compra realizada no noso comercio ten un impacto directo na vida da vila. O pequeno comercio xera emprego, dinamiza as rúas e contribúe a facer do Carballiño un lugar máis vivo”.Garriga engadiu ademais que “desde Carballiño CCA seguimos apostando por campañas atractivas que conecten coa clientela e que incentiven hábitos de consumo responsables e de proximidade”.
Pola súa banda, a xerente de Carballiño CCA, Noelia Mares, explicou que “‘O Comercio en Flor’ quere transmitir unha mensaxe positiva e visual: nesta primavera, o comercio local florece grazas ao apoio da veciñanza. Quixemos crear unha campaña sinxela, participativa e accesible para toda a clientela”. Mares subliñou tamén que “a implicación dos establecementos asociados está a ser fundamental para o desenvolvemento desta iniciativa, que busca premiar a fidelidade da clientela e poñer en valor a experiencia de compra no comercio de proximidade”.
Baixo o lema “Esta primavera, florece co comercio local”, a campaña quere poñer o foco no papel do comercio local para fortalecer o tecido social e económico da vila, ofrecer atención personalizada e contribuír ao dinamismo económico e social do municipio. Desde Carballiño CCA anímase á veciñanza a participar nesta iniciativa e a seguir apoiando un modelo comercial próximo, sostible e esencial para o futuro da vila.

















