A Asociación de Veciños de Señorín, co patrocinio da empresa Avatel-Telecom, organiza para o vindeiro 7 de xuño unha andaina por sendeiros desta parroquia do Carballiño. Un evento que foi presentado hoxe na Casa do Concello coa presenza dos concelleiro de Deportes e Cultura, José Castro e Diego Fernández; Magín Daparte e Manuel Sotelo, presidente e secretaria da asociación, e representantes dos patrocinadores e da comisión de festas de Señorín.

Magín Daparte apuntou que “esta é unha iniciativa para fomentar os hábitos saudables e un xeito de compartir unha xornada de convivencia entre veciños, amigos e visitantes onde se combinan deporte, natureza e amizade”. Tamén sinalou que “é unha aposta da nosa asociación na organización de actividades, festas, magostos e outras iniciativas que fagan comunidade entre a veciñanza”. O presidente da asociación amosou o seu agradecemento a Avatel e ao Concello; a Protección Civil, que se encargará de velar pola seguridade nos tramos do percorrido; á comisión de festas da parroquia e “aos voluntarios da asociación que levan varias semanas preparando este evento”.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Pola súa banda, Manuel Sotelo avanzou detalles desta I Andaina Señorín Avatel’, que terá un itinerario de 10 km de dificultade baixa, “de xeito que poidan participar persoas de tódalas idades e condicións físicas, se ben recomendamos levar roupa cómoda e axeitada para facer a camiñada”. O punto de encontro para o domingo 7 de xuño será o local social de Señorín, onde antes da saída, prevista para as 10,00 horas, os inscritos “deberán recoller previamente o seu dorsal e asinar a súa participación para acollerse ao seguro”, advertíu o secretario do colectivo.
As inscricións poden formalizarse dende mañá na tenda de Avatel, en horario de 9,30 a 13, 30 e de 16,30 a 19,30 horas, ou no Café Capri, nun prazo que rematará o vindeiro 31 de maio, sendo o custe de 7 euros para os asociados e de 10 euros para o resto das persoas interesadas. Elo dá dereito a un avituallamento, que se instalará na metade do percorrido, e a uns petiscos e agasallos ao seu remate.

















