O Psoe de Cartelle esixe que o concello cumpra coa lei de memoria histórica

O PSdeG-PSOE de Cartelle vén de presentar unha moción para o seu debate na vindeira sesión plenaria na que insta ao Concello a que proceda a eliminación, con carácter de “urxencia”, da simboloxía franquista que se atopa na fonte do campo da feira da parroquia de Cartelle, co fin de cumprir coa Lei de Memoria Histórica. Os socialistas denuncian que o goberno municipal do Partido Popular siga mantendo simboloxía franquista no patrimonio etnográfico municipal e pídenlle que Cartelle cumpra “dunha vez por todas” coa lei e “deixe de homenaxear a franquistas e golpistas”.

Dende o Grupo Municipal Socialista instan ao alcalde do PP, Jaime Sousa, a “cumprir” a Lei de Memoria Histórica no ámbito municipal territorial, “cousa que ata agora non compren”, posto que xa e como informan os socialistas, en Cartelle “seguen existindo e persistindo elementos fascistas, que manteñen a lembranza dos golpistas do 36, despois de teren transcorridos 43 anos de democracia constitucional e 14 anos despois da entrada en vigor de dita Lei”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Os socialistas denuncian que un destes símbolos está presente na fonte do campo da feira de Cartelle e tal e como explican “o goberno municipal non só non procedeu a retirar ou eliminar estes símbolos da fonte, senón que aínda os resaltaron máis, facéndoos máis perceptibles”. Unha situación que para o PSdeG-PSOE municipal “é un escándalo que atenta contra a democracia, a razón e a lóxica e que ademais incumpre a Lei”.

O voceiro do PSdeG-PSOE de Cartelle, Jesús Pereira, destaca que “as fontes, que son símbolo de vida en calquera cultura do mundo, mantéñense en cambio en Cartelle, asociadas a símbolos de represión e morte” e insta ao alcalde a que “deixe de recrearse nesta asociación, que cumpra co disposto pola lei e que pense que o seu incumprimento podería dar lugar á perda de axudas públicas para iniciativas no concello”.

Sostén Pereira que “borrar esta simboloxía que lembra o uso fascista da violencia e a morte para subxugar ás persoas e impor o seu réxime contrario á liberdade e á dignidade humanas xa debería saír das persoas de ben sen necesidade da presión dunha norma legal”. E remata a súa denuncia facéndose eco dunha frase repetida a diario pola veciñanza: “hoxe non se lles pon o xugo nin ás vacas”.

Os socialistas tamén piden na moción que se proceda a unha “minuciosa” revisión do patrimonio etnográfico municipal para eliminar coa “maior brevidade” posible, calquera outro tipo de simboloxía franquista ou fascista. Esíxenlle ao goberno municipal que “cumpra coa Lei de Memoria Histórica”, que “realice un catálogo de vestixios do franquismo no municipio”, co fin de eliminalos, e que ademais revise as honras e distincións aos membros que pertenceron ao golpismo, franquismo, fascismo ou calquera outra expresión ditatorial.

“O fin último desta iniciativa de excelencia é dignificar a memoria esquecida e vituperada das vítimas, contribuíndo a xerar concordia e a previr a reaparición de autoritarismos que destrúan a democracia e a convivencia de persoas con lexítima diversidade de xeitos de pensar”, finaliza Jesús Pereira.