O pavillón polideportivo de Astariz acollerá mañá, 16 de maio, a quinta edición da “Festa do Maior”, organizada polo Concello de Castrelo de Miño en homenaxe “aos nosos maiores por toda unha vida de traballo, esforzo, sacrificio, perseverancia e paciencia”. O evento está orientado á participación de tódalas persoas empadroadas de máis de 65 anos, estando previsto que asistan preto de medio milleiro de veciñas e veciños, entre homenaxeados, que poderán facelo de balde, e acompañantes, que abonan un prezo de 25 euros.
A programación dará comezo ás 12,00 horas coa recepción dos convidados, que irá seguida dunha misa solemne oficiada polo bispo da Diócese de Ourense, monseñor Leonardo Lemos, e na que a Coral de Ruada poñerá o acompañamento musical. A continuación, a conselleira de Política Social e Igualdade da Xunta, Fabiola García, dará lectura ao pregón institucional, acto no que participarán alcaldesas e alcaldes da comarca do Ribeiro.
E para as 14,00 horas está previsto o inicio do xantar popular, que estará amenizado con actuacións musicais, e cun menú integrado por embutidos ibéricos, empanada, xarrete con patacas, bica, café e viños da Denominación de Orixe Ribeiro.

















