Esta fin de semana disputáronse no campo de tiro olímpico de Molina de Segura (Murcia) dúas competición do calendario nacional: a Copa Ibérica e o Campionato de España de Xóvenes Promesas. O xoves comezaron as tiradas de adestramento da Copa Ibérica para dar paso o venres á competición. Competición que non lle saíu como agardaba a Roi Freixedo, o deportista do Irixo, facendo nas series 94-95-91-90-93-91 puntos e rematando con diploma no quinto posto Junior.
Ese mesmo venres, pola tarde, realizáronse as tiradas de adestramento do Campionato de España de Xóvenes Promesas. Xa o sábado, empezou a competición para a fase clasificatoria no caso dos Sub23 xa que nesta categoría dispútase final olímpica entre os oito mellores tiradores clasificados. Tampouco foi un dos mellores días de competición para Roi ao que se lle sumou problemas coa pantalla do branco. A pantalla apagábase e tivo que ser trasladado ao posto de reserva no medio da tirada para poder continuar. O resultado das series 91-89-94-93-95-94 case o deixan fora do pase á final, quedando na sétima posición.
Xa o domingo, foi cando se enfrontaron os oito clasificados. A final puntúase con decimais, de xeito que a puntuación máxima que se pode acadar en cada disparo é de 10.9. Tras cinco minutos de preparación e ensaio comezan os disparos de competición. Xa en competición, primeiro fanse dúas series de cinco disparos en 250 segundos cada unha. Despois do décimo disparo, danse ordes separadas para cada disparo de competición cun límite de tempo de 50 segundos por disparo. Cada dous disparos, o atleta coa puntuación máis baixa é eliminado ata que queden dous tiradores para competir polo primeiro posto nos disparos 23º e 24º.

Ao remate das dúas primeiras series Roi lograba colocarse na terceira posición con 95.3 puntos, e foi no disparo 12º cando se puxo á cabeza con 116,4 puntos. Posición que defendeu ata o derradeiro tiro. Así logrou a medalla de ouro con 216.0 puntos fronte ao ser rival e compañeiro do Centro de Alto Rendemento, Lucas Sánchez, da Federación Catalana, con 212.5 puntos. O bronce marchou para Cantabria da man de Fernando Sánchez.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
















