A asociación O Potiños organiza este vindeiro domingo, 24 de maio, o tradicional “Pon unha foto na rúa”, na que os integrantes deste colectivo de fotógrafos afecionados do Carballiño fai retratos a toda aquela persoa que se achegue á Praza Maior da vila. O evento foi presentado esta mañá na Casa Consistorial polo concelleiro de Cultura, Diego Fernández, que estivo acompañado polo presidente e o tesoureiro de O Potiños, Manuel Blanco e Felipe Gallego, respectivamente.
Diego Fernández suliñou que “estas están a ser unhas xornadas moi intensas na vila dende o punto de vista cultural, e nestas datas non podía faltar o colectivo O Potiños e esta xornada que se conmemora a nivel mundial tódolos anos”. Pola súa banda, Manuel Blanco salientou que “iste é o evento que máis atrae á xente de todos os que organizamos, xa que familias enteiras veñen a posar para as fotos, xa que moitas gardan na súa casa as de anos anteriores”.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
“A nosa idea é achegar as fotos á rúa, e o ano pasado fixemos entre 250 e 300 fotografías e revelamos unhas 100”, engadíu o presidente de O Potiños. Imaxes que logo se expoñen durante un mes no edificio de Ramón García, na rúa Rosalía de Castro antes de ser entregadas ás persoas que posaron nelas. Blanco adiantou que disporán dunha nova decoración para os posados nesta nova edición.
Asemade, Felipe Gallego, anunciou que, coma novidade, “ademais de regalar as fotos dos retratos, imos ter un agasallo especial para tódalas persoas que se acheguen, entregando a cada un deles a reprodución en formato 40×60 de anrigas imaxes das nosas coleccións”.
Un excelente reclamo para acudir a esta cita, que terá lugar na Praza Maior de 10,00 a 14,00 horas o vindeiro domingo.

















