O sempre espectacular ‘Superdeportivos Exclusive Event Vila do Carballiño’ chega á súa oitava edición este vindeiro sábado, 23 de maio, coa participación dun centro de vehículos de alta gama procedentes de toda Galicia e outros puntos do Estado.
A presentación desta xa consolidada concentración tivo lugar esta mañá na Casa do Concello, coa asistencia do concelleiro de Deportes, José Castro-Gil, e o coordenador da organización, Santiago ‘Pichi’ Pereira. O tamén alcalde en funcións convidou a toda a veciñanza do Carballiño e comarca a acudir a esta cita, aproveitando a bonanza prevista das condicións meteorolóxicas.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Pola súa banda, Santi Pereira salientou o feito de que “nesta oitava edición tivemos que deter as inscricións, porque sobrepasabamos o tope no número de vehículos participantes, que serán sobre o centenar”. Ferrari, Porsche, Lamborghini, Masseratti, entre outros, serán alguns dos modelos que o público poderá admirar na Praza Maior do Carballiño dende primeiras horas da mañá do sábado.
O programa de actividades, ademais da concentración no centro do casco urbano, contempla, “ás 12,00, unha ruta de dúas horas de duración polas estradas da comarca, o tradicional xantar con pulpo ao regreso e, pola tarde, unha gran festa amenizada con música en directo, que terá lugar na Praza da Constitución”, avanzou o responsable da organización.
















