A Concellería de Benestar Comunitario do Concello do Carballiño, liderada por Rosa Fuentes, está de noraboa. A súa xestión sostible e eficaz do servizo de limpeza viaria recibirá o premio ‘Escoba de Plata’ da Asociación Técnica para la Gestión de Residuos y Medio Ambiente (Ategrus), un galardón referente no sector medioambiental español. Cada ano, esta entidade concede os premios Escoba para recoñecer a excelencia técnica e poñer en valor o impacto social, económico e ambiental de distintas iniciativas nacionais e internacionais.
O xurado dos galardóns escolleu ao Concello do Carballiño pola “reorganización do servizo de limpeza viaria, potenciando aqueles aspectos que permitan mellorar e optimizar a calidade”. Nesa liña, destacan a diminución da cantidade de auga consumida, así como os criterios de sostibilidade postos en práctica. “Este galardón recoñece a excelencia, compromiso e impacto xerado no campo medioambiental”, apuntan desde Ategrus.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Pola súa parte, Rosa Fuentes, concelleira de Benestar Comunitario, resalta os bos resultados do traballo de limpeza viaria e agradece o “bo facer” de todos os axentes implicados. “Este é un recoñecemento ao esforzo que estamos facendo desde o Concello, tanto económico como humano, para ter O Carballiño á altura que merece”, destaca. A concelleira, acompañada do equipo de Benestar Comunitario, recollerá a ‘Escoba de Plata’ o próximo 10 de xuño en IFEMA (Madrid), na cerimonia de entrega dos premios.
A limpeza viaria do Carballiño, que inclúe rúas e beirarrúas, lévase a cabo actualmente baixo criterios de sostibilidade que permiten optimizar o recurso hídrico sen reducir a calidade do servizo.

















