VIDEO: Premer na Imaxe

As tropas de Cachamuíña voltaron a derrotar ás francesas do mariscal Soult, na recreación histórica que tivo lugar o pasado sábado en Pazos de Arenteiro, localidade do municipio de Boborás declarada como conxunto histórico-artístico. Un evento que se vén celebrando dende o ano 2017 e que lembra a épica loita do 2 de marzo de 1809, cando uns 300 galegos, liderados polo capitán Cachamuíña, se enfrontaron a máis dun milleiro de soldados do exército napoleónico baixo os arcos da Ponte da Cruz, convertendo ao Ribeiro nun escenario clave da resistencia galega no contexto europeo.
Así, pasadas as 20,30 horas, a veciñanza de Pazos e doutros lugares do Ribeiro, foi quen de deter o avance das tropas napoleónicas, cun intercambio de cañonazos e disparos de fusil e varios escarceos, ata que éstas tiveron que replegarse e deixar ceibe o paso aos galegos e galegas na ponte sobre o río Avia. A escenificación rematou cun duelo a espadas entre Cachamuíña e Soult, que finalizou co mariscal abatido e coa detención de varios soldados, que foron indultados antes de ser colgados da forca.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
O Concello de Boborás, como organizador, puxo de manifesto o traballo de colaboración con outras festas históricas e recreacións de referencia como a Reconquista de Vigo ou a Batalla de Rande, coa participación de figurantes de estes eventos.
A programación de ‘A Batalla’ desenvolveuse ao longo de toda a xornada do sábado, con visitas guiadas por Pazos de Arenteiro, mercado artesán, recuncho infantil, obradoiros de Artesanía de Galicia, campamento francés, música, maxia familiar, loita de espadas e diferentes recreacións teatralizadas polas rúas do pobo. As visitas guiadas permitiron aos visitantes coñecer mellor Pazos de Arenteiro, declarado Conxunto Histórico-Artístico, e descubrir o seu valor patrimonial, arquitectónico, paisaxístico e histórico. Á primeira hora da noite, o grupo folclórico Feitizo de Pau protagonizou un concerto.








