Manuel Pardo destaca o esforzo da Xunta pola conservación do patrimonio natural de Galicia

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao concello do Irixo, para visitar, acompañado da súa alcaldesa,  Rosa María Dalama, e de representantes da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común Coto de Surribas, o Gran Castiñeiro de Surribas (Castanea sativa Mill); beneficiaria dunha achega de 3.250 euros ao abeiro da convocatoria anterior de axudas da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático do ano 2025 destinada a sufragar diferentes tipos de intervencións para garantir a súa conservación.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O delegado territorial salientou que con este tipo de achegas, a Xunta trata de facilitar a execución de actuacións de conservación, protección e mellora que garantan que se poida seguir desfrutando deste tipo de elementos a longo prazo. “Só a través do coñecemento e a protección do rico patrimonio natural de Galicia se pode difundir os seus valores co fin de xerar unha conciencia colectiva sobre a súa preservación”; lembrou o representante do Goberno galego.

Deste xeito, subliñou Manuel Pardo que todas as árbores e formacións merecedoras desta catalogación destacan pola súa singularidade e por presentar unha serie de características excepcionais desde o punto de vista histórico-cultural, paisaxístico, estético ou científico. Na actualidade, na provincia de Ourense, forman parte do Catálogo un total de 29 elementos — 23 exemplares e 6 formacións arbóreas—.

Entre as intervencións subvencionables a través desta orde de axudas autonómica —dirixida tanto a concellos ou agrupacións locais como a particulares e entidades propietarias dalgún destes elementos e coas que poden cubrir ata o 100% dos custos— inclúense podas, traballos de formación e control da copa; aplicación de tratamentos fitosanitarios; accións encamiñadas á conservación e mellora do entorno; actuacións de divulgación e sinalización, e a realización de estudos específicos para contribuír ao seu coñecemento e posta en valor.

Resolución 2026

O delegado territorial aproveitou a súa estadía no Irixo para lembrar a recente publicación no DOG da resolución da orde de axudas para a conservación, protección e mellora das árbores e formacións incluídas no Catálogo galego de árbores senlleiras, na que a Xunta de Galicia concedeu este ano un total de 72.112,15 euros para sufragar diferentes tipos de intervencións que garantan a conservación e mellora de 23 árbores e formacións senlleiras repartidas pola Comunidade; que no caso de Ourense atinxe ao  Castiñeiro de Trambolosríos (Castanea sativa Mill), no lugar de Trambolosríos en Parada de Sil e o Rebolo do Pazo da Pena (Quercus pyrenaica Willd), no concello de  Manzaneda.

O castiñeiro

Este exemplar de Castanea sativa Mill, incluído no Catálogo galego de árbores senlleiras en 2024 e situado no monte comunal de Surribas, ten unha altura de 15 metros, un perímetro de 4,9 metros e unha idade aproximada de 200 a 250 anos. Conta con 2 ramificacións principais cunha abertura central protexida con pedras e terra e, no seu conxunto, está cuberto cun gran tapiz de musgo, que fai deste un exemplar interesante desde o punto de vista estético ademais de representar un valioso legado e un gran valor natural.

O Catálogo galego de árbores senlleiras é unha ferramenta pública e en constante actualización, xa que poden propoñer a inclusión de elementos novos os seus propietarios, as administracións, os centros de investigación ou as asociacións e entidades públicas ou privadas que teñan entre os seus fins a protección da natureza.

Nestes momentos, forman parte do Catálogo un total de 205 elementos repartidos por toda a Comunidade —157 exemplares e 48 formacións arbóreas— e pertencentes a 84 especies diferentes.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------