O Carballiño e Lanzarote, dous pobos unidos pola ‘cociña atlántica’ na Festa do Pulpo do vindeiro 9 de agosto

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O emblemático castelo de San José de Lanzarote acolleu esta mañá a presentación oficial da ‘LXIV Festa do Pulpo do Carballiño’, declarada de Interese Turístico Internacional, que este ano se celebrará o domingo 9 de agosto e estará adicada á illa canaria. O acto contou coa participación do presidente do Cabildo de Lanzarote, Oswaldo Betancort; o conselleiro de Centros de Arte, Cultura e Turismo de Lanzarote, Ángel Vázquez; o alcalde en funcións do Carballiño, José Rafael Castro-Gil; o concelleiro de Turismo e Industria, Manuel Dacal, e a concelleira de Servizos Sociais, Silvia Baranda.

O alcalde en funcións do Carballiño quixo destacar a defensa da calidade da cociña atlántica en ambos territorios, xa que “entendemos a gastronomía como un piar fundamental da nosa identidade, e por iso mantemos as receitas tradicionais e a forma de preparar os nosos produtos”. Nese sentido, puxo en valor o papel das pulpeiras e pulpeiros, que cociñan co mesmo agarimo que o facían as súas avoas e bisavoas. “Xeración tras xeración coidamos da terra e do mar e preservamos o saber culinario. Os nosos pratos, as nosas receitas e os nosos sabores fannos únicos, e iso sabémolo moi ben”, apuntou.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Pola súa parte, o presidente do Cabildo de Lanzarote, Oswaldo Betancort, agradeceu ao Concello a elección da illa como protagonista da 64ª Festa do Pulpo. “É motivo de orgullo e emoción polos estreitos lazos históricos e humanos que unen os dous territorios”, apuntou. Betancort destacou que Lanzarote foi durante décadas terra de acollida para numerosas familias galegas, moitas procedentes do Carballiño e doutros municipios ourensáns e galegos.

O presidente do Cabildo tamén recordou a aposta de Lanzarote por un modelo que impulsa produtos locais e o traballo de agricultores, gandeiros, pescadores, bodegueiros e cociñeiros, vinculando territorio, cultura e gastronomía. Nese sentido, subliñou a importancia do ‘Saborea Lanzarote’, festival de referencia enogastronómica no que participaron pulpeiros e pulpeiras do Carballiño. Na súa intervención, Ángel Vázquez asegurou que a presenza de Lanzarote no Carballiño “é a confirmación dunha relación baseada no respecto mutuo pola cultura, a gastronomía e as tradicións vencelladas ao mar”. 

José Castro-Gil e Manuel Dacal fixeron entrega dun agasallo moi especial, unha pulpeira do Carballiño, aos representantes canarios. O acto rematou cunha degustación de pulpo á feira, cociñado por Silvia Baranda, concelleira e recoñecida pulpeira do Carballiño.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------