A Deputación achega aos centros educativos da Baixa Limia o patrimonio das paisaxes fortificadas do Gerês-Xurés

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

A iniciativa permitirá divulgar entre o alumnado os vestixios da Guerra Hispano-Portuguesa existentes na Reserva da Biosfera Transfronteiriza

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O programa inclúe charlas en centros educativos de Galicia e Portugal, 400 unidades didácticas bilingües, paneis interpretativos e unha guía dixital

Ourense, 01 de outubro de 2026.

A Deputación de Ourense presentou hoxe un programa de actividades educativas e divulgativas destinado a dar a coñecer entre o alumnado o patrimonio histórico vinculado ás paisaxes fortificadas da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés.

A entidade adxudicataria, a Universidade do Minho, estivo representada por Rebeca Blanco-Rotea, investigadora do Laboratorio de Paisagem  Património e Território, e por Jorge Correia, profesor catedrático da Escola de Arquitectura, Arte e Deseño. Blanco-Rotea destacou a importancia deste proxecto “na transmisión de coñecemento do noso patrimonio dun xeito adaptado á linguaxe dos nenos e nenas”, con especial incidencia nos conceptos de “fronteira” e “guerra”. Pola súa banda, Jorge Correia recalcou a “sustentabilidade cultural” do proxecto que pon o foco ” nun territorio diverso como o Gerês-Xurés” e puxo en valor “o desafío que supón transmitilo aos diferentes públicos coas máis avanzadas ferramentas pedagóxicas”.

A iniciativa desenvolverase durante o mes de outubro nos centros educativos da parte galega da Reserva e está enmarcada no proxecto Gerês-Xurés Máis Sustentavel, cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Interreg VI A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027.

O vicepresidente da Deputación, Plácido Álvarez, salientou que este proxecto “permitirá que as novas xeracións coñezan un patrimonio singular que forma parte da historia común de Galicia e Portugal e que, malia a súa importancia, continúa sendo descoñecido para boa parte da poboación”.

“Queremos que o alumnado comprenda o valor histórico, cultural e paisaxístico destes vestixios, pero tamén que se converta nun axente activo na súa conservación, divulgación e posta en valor”, explicou Plácido Álvarez, quen destacou a cooperación entre ambos os lados da Raia como “unha ferramenta fundamental para avanzar na protección e na xestión sostible dun territorio que comparte historia, patrimonio e oportunidades de futuro”.

Un patrimonio transfronteirizo aínda descoñecido

As actividades teñen como finalidade divulgar o patrimonio relacionado coa Guerra Hispano-Portuguesa ou Guerra da Restauración Portuguesa, desenvolvida entre 1640 e 1668. Durante este período, a fronteira experimentou unha importante transformación coa construción de numerosas fortificacións, das que aínda se conservan abundantes vestixios na paisaxe do Gerês-Xurés.

A proposta, adxudicada á Universidade do Minho, está formulada desde a perspectiva da ciencia cidadá, a educación patrimonial e o desenvolvemento sostible. Diríxese especialmente á comunidade educativa dos seis concellos que integran a parte galega da Reserva da Biosfera Transfronteiriza: Bande, Calvos de Randín, Entrimo, Lobeira, Lobios e Muíños.

O vicepresidente provincial incidiu en que “coñecer este patrimonio é o primeiro paso para protexelo” e subliñou que a iniciativa “une educación, investigación e cooperación transfronteiriza para reforzar o sentimento de pertenza da poboación máis nova e favorecer unha relación máis consciente e respectuosa coa paisaxe”.

Charlas e materiais educativos bilingües

O programa inclúe un ciclo de seis charlas educativas sobre as paisaxes fortificadas da Idade Moderna, que se impartirán en cinco centros de ensino primario de Bande, Os Blancos, Entrimo, Lobios e Muíños, así como no instituto de Bande. Tamén se celebrará, cando menos, unha actividade nun centro educativo da parte portuguesa da Reserva.

As sesións, cunha duración aproximada de 50 minutos e un coloquio posterior, permitirán ao alumnado coñecer o contexto histórico no que se levantaron estas fortificacións, interpretar os seus restos e comprender a súa relación coa configuración actual da paisaxe transfronteiriza.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


A Universidade do Minho elaborará ademais unha unidade didáctica específica, en galego e portugués, da que se distribuirán arredor de 400 exemplares entre os centros participantes. O profesorado recibirá previamente estes materiais para poder traballar os seus contidos co alumnado antes das charlas.

A proposta complétase co deseño de dous paneis interpretativos portátiles e bilingües. O primeiro ofrecerá unha visión xeral da paisaxe fortificada da Idade Moderna na fronteira galego-portuguesa e o segundo centrarase especificamente nos vestixios existentes na Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés.

Ao remate do proxecto tamén se publicará en formato dixital unha guía divulgativa sobre estas paisaxes fortificadas, que quedará dispoñible en liña para facilitar o acceso da cidadanía a este patrimonio histórico e cultural.

Con esta iniciativa, a Deputación de Ourense reafirma o seu compromiso coa conservación e divulgación do patrimonio da provincia, coa educación ambiental e cultural e coa cooperación entre Galicia e o norte de Portugal no ámbito da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------