Desde a formación nacionalistas piden non criminalizar á mocidade e ofrecer alternativas de lecer ao tempo que lembran que a día de hoxe o consumo de alcol na rúa xa está prohibido

Publicidade

A ordenanza sobre o consumo de alcol na rúa centrou a rolda de prensa que ofreceu esta mañá o Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense. Rhut Reza e Luis Seara compareceron acompañados do responsábel comarcal de Galiza Nova, organización xuvenil da formación nacionalista, Artai Gavilanes.

Para a concelleira Rhut Reza, “O fenómeno chamado botellón xa está prohibido. Non sabemos que se pretende con esta prohibición sobre prohibición, desde o BNG consideramos que é un intento de criminalizará mocidade”.

Reza vai máis alá, “o botellón xa é ilegal. Esto non é máis que unha cortina de fume para tapar os problemas de fondo, por unha banda a policía local está en cadro, e os efectivos son escasos no momento en que hai un problema, sexa do tipo que sexa. Por outra banda non hai alternativas de lecer”.

“A propia actividade cultural do concello é inexistente, sen programación cultural para o verán, o espazo Lusquiños leva pechado desde marzo de 2020, non existen políticas para a mocidade, o grupo de goberno ten esoterrada a concellaría de xuventude”.

Rhut Reza lembrou ademais que desde o BNG “presentamos no seu día achegas, concretamente en xaneiro de 2020, e tamén incidimos en que ten que ser unha ordenanza participada e consensuada. Non pode ser que o grupo de goberno fale cunha parte e deixe a outra substancial da veciñanza sen voz e sen poder participar, salvo que se pretenda facer unha ordenanza a medida de alguén”.

O responsábel comarcal de Galiza Nova, Artai Gavilanes comezou a súa intervención lembrando a campaña de criminalización que desde a Xunta de Galiza e outros colectivos se levou a cabo nos últimos meses cara a mocidade, “criminalizouse á mocidade durante a pandemia cando os datos de incidencia acumulada no colectivo eran moi baixos e agora preténdese facer o mesmo”.

Para Artai resulta curioso como o borrador da ordenanza “distingue botellón e sair por viños dependendo de se o alcol procede de locais de hostalería ou non”, e engade, “o botellón non é un problema de saúde pública nin invita ao alcolismo dun xeito superior a se saes a tomar uns viños”, ao tempo que lembrou que “non todo o mundo que se reúne en torno ao botellón consume alcol”.

Para o responsábel comarcal de Galiza Nova “cómpre non seguir criminalizando ao fenómeno e a quenes participan nel e si xerar alternativas de lecer á mocidade, algo que desde o actual Goberno Local non están facendo”.

Gavilanes insistía neste particular. “Desmantelaron a Concellaría de Xuventude, desmantelaron a Casa da Xuventude e manteñen pechado o espazo Lusquiños, cando podería ofrecer actividades de lecer polas noites, ao igual que algunhas instalacións deportivas que tamén poderían abrir en horario nocturno, así como espazos relacionados coas novas tecnoloxías tal e como acontece noutras cidades como pode ser Barcelona”.

Artai entende que estes espazos “poderían ofrecer alternativas fóra das dinámicas do consumo de alcol”.