O ‘Festival Platta’ do Carballiño escribe e representa o teatro en tres idiomas esta fin de semana

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Representacións teatrais, obradoiros e lecturas dramatizadas en tres linguas diferentes (galego, castelán e portugúes) integran a programación do ‘Festival Platta de Teatro’, que terá lugar no Carballiño os vindeiros días 12, 13 e 14 de xuño, organizado pola Federación Galega de Teatro Amador (Fegatea) co patrocinio e colaboración do Concello, Deputación de Ourense e Xunta de Galicia.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O salón de plenos da Casa Consistorial do Carballiño acolleu esta mañá a presentación do evento, coa presenza do concelleiro de Cultura, Diego Fernández; a presidenta e o viceseretario de Fegatea, Chelo Pampillón e Antonio Sampayo; e o director de Tiruleque Teatro, Xosé Prada. Fernández subliñou que o festival ‘Platta’ “ten unha gran programación, que non só aposta polo teatro afeccionado, senón tamén pola formación, e con participación internacional”.

Pola súa banda, Chelo Pampillón apuntou que “o Platta é unha convivencia de idiomas, porque o idioma non é algo que non divide, senón que nos une, e aquí temos coma exemplo o portugués o galego e o castelán”. En canto ao programa, haberá tres funcións teatrais, con entrada totalmente libre e de balde, no Auditorio Manuel María, a primeira, o venres día 12, a cargo do grupo galego Ditirambo Teatro, que representará “Cartas da muller ausente”, ás 20,30 horas. Á mesma hora, pero o sábado, día 13, Telón Negro, de Castela-León, ofrecerá “El legado”, pechando o ciclo, o domingo, día 14, o grupo luso Aos Quartos coa súa montaxe “Un morto muito vivo”, ás 18,00 horas.

Asemade, a Residencia de Tempo Libre acollerá durante toda a xornada do sábado un obradoiro de escrita dramática, ‘O mundo dentro dun cadrado’, a cargo de Ernesto L.S., unha xuntanza de traballo da que se coñecerán os seus froitos o domingo, ás 12,00 horas e no Manuel María, coa representación das lecturas dramatizadas nas tres linguas.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------