O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, visitou esta mañá a Feira de Doade, no concello de Beariz, á que se referiu como un elemento auténtico e clave na dinamización do turismo rural. Posteriormente, e acompañado polo alcalde e o tenente de alcalde de Beariz, Manuel Prado e Tomás Sancho, respectivamente, Merelles tamén coñeceu o proxecto da Botica de Doade, unha iniciativa de recuperación patrimonial dunha antiga farmacia rural galega.
Segundo apuntou o responsable autonómico de Turismo, trátase de dúas mostras da aposta do Goberno galego polo patrimonio histórico como elemento diferenciador e como reforzo á oferta turística no rural, destacando ademais a súa incorporación ao itinerario cultural europeo Aromas Itinerarium Salutis.
O director de Turismo de Galicia relacionou esta diversificación da oferta co importante crecemento a nivel de demanda que está a experimentar Ourense. No que vai de ano, rexistráronse máis de 190 noites en aloxamentos da provincia, un incremento do 18,9% sobre o mesmo período de 2025. En total, case 100.000 visitantes fixeron noite, o que supón un 9% máis. Estas cifras avalan o éxito da estratexia turística do Goberno galego, segundo sinalou Merelles.

















