A Asociación de Nais e Pais de Alumnos (ANPA) Escola Activa do CEIP Calvo Sotelo celebrará mañá, venres, 12 de xuño, a partir das 16:30 horas, a tradicional Festa de Fin de Curso, unha xornada de convivencia pensada para despedir o curso escolar nun ambiente festivo e familiar.
O evento terá lugar nas instalacións do edificio da Uceira e contará cun amplo programa de actividades para todas as idades. Entre as propostas previstas destacan os inchables acuáticos, a festa da escuma, xogos e música para que o alumnado e as súas familias poidan desfrutar dunha tarde especial.
Durante a celebración tamén haberá servizo de bar, onde os asistentes poderán mercar bebida, auga, froita e merenda. Ademais, con cada consumición entregarase de balde un xeado tipo flash ata fin de existencias.
A entrada será gratuíta para todas as familias socias da ANPA, mentres que para as persoas non socias terá un custo de 5€ por nen@.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
A organización anima ás familias a reservar a súa entrada con antelación para facilitar a planificación do evento, aínda que a reserva non será obrigatoria. As reservas poden realizarse mediante mensaxe privada nas redes sociais da ANPA ou a través do correo electrónico anpaescolaactiva@gmail.com.
Desde a ANPA Escola Activa destacan que esta festa busca ser un punto de encontro para toda a comunidade educativa, favorecendo a convivencia entre familias e alumnado celebrando xuntos o remate dun curso cheo de experiencias e aprendizaxes.
















