O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria da Xunta de Galicia, Antón Acevedo, e a subdirectora xeral de Envellecemento Activo e Prevención da Dependencia, Eloína Núñez, visitaron Castrelo de Miño para coñecer de primeira man os distintos recursos de atención ás persoas maiores existentes no municipio e analizar posibles actuacións de mellora.
A xornada comezou cun percorrido polas Casas do Maior “Juana Tovar”, en Paradela, e “Castrelo de Miño”, en Vide. Durante a visita, os representantes autonómicos tiveron a oportunidade de conversar coas usuarias e coñecer o traballo que desenvolven diariamente as responsables destes centros, Julita e Marta, ás que o alcalde en nome do Concello, quixo agradecer a súa profesionalidade, dedicación e compromiso co benestar das persoas maiores.
Posteriormente, a visita continuou na Vivenda Comunitaria de Castrelo de Miño, onde percorreron as instalacións e mantiveron un encontro coas persoas residentes e co persoal do centro. Durante o percorrido, os responsables municipais trasladaron ao director xeral diversas propostas de mellora encamiñadas a seguir reforzando a calidade da atención e dos servizos prestados ás persoas maiores do municipio.

O alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos, destacou a importancia desta visita institucional e agradeceu á Xunta de Galicia a súa colaboración e implicación cos servizos sociais municipais.
“Quero agradecer a Antón Acevedo e a Eloína Núñez a súa visita, a súa proximidade e a súa disposición para escoitar as necesidades do noso concello. É fundamental contar co apoio da Xunta de Galicia para seguir mellorando os recursos destinados ás nosas persoas maiores e avanzar en novos proxectos que contribúan ao seu benestar”, sinalou o rexedor.
Avelino Pazos incidiu tamén no compromiso do Concello coa mellora continua destes servizos: “Traballaremos sen descanso para ofrecerlles aos nosos maiores os mellores servizos e a mellor atención posible. Merecen o mellor despois de toda unha vida de traballo, esforzo e sacrificio, grazas aos cales hoxe podemos gozar do presente que temos. É unha obriga moral e unha responsabilidade das administracións corresponderlles con feitos, coidados e recursos que lles permitan vivir esta etapa da vida coa dignidade e a calidade que merecen”.
Na visita tamén participaron a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Alonso, e a traballadora social municipal, Inma Victorino.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Desde o Concello de Castrelo de Miño reafírmase o compromiso de continuar impulsando iniciativas e investimentos que contribúan a mellorar a calidade de vida das persoas maiores, unha prioridade para o goberno municipal.










