Ribadavia renovará 3.500 m2 das rúas Piñeiral e Cunqueiro cun investimento de preto de 57.000 €

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Concello de Ribadavia acometerá a mellora de dous viarios municipais cun investimento total de 56.529,99 euros, unha actuación que permitirá renovar preto de 3.500 metros cadrados de firme e mellorar as condicións de circulación e seguridade nestas vías.

O alcalde de Ribadavia, César Fernández, destacou que “a conservación e mellora da rede viaria municipal é unha das prioridades do goberno local porque afecta directamente á mobilidade e ao día a día da veciñanza”. O rexedor subliñou ademais que “seguimos avanzando na posta ao día de infraestruturas que precisan renovación para ofrecer mellores condicións de seguridade e accesibilidade”.

A actuación forma parte do proxecto de mellora de camiños rurais correspondente ao período 2026-2027 e foi presentada polo Concello á convocatoria de axudas da Consellería do Medio Rural xa no pasado mes de febreiro, cando se aprobou o proxecto técnico e se formalizou a solicitude da subvención, ainda que acaba de ser confirmada agora. O seguinte paso será a licitación da actuación.

Os traballos desenvolveranse na rúa Piñeiral, vial que conecta a N-120 coa Rúa de Redondela, e na rúa Álvaro Cunqueiro, vial que une a rúa Virxe do Portal coa Baixada á Barca. O proxecto contempla a renovación do pavimento mediante o fresado das zonas deterioradas, a limpeza e preparación da superficie existente, a regularización do firme e a extensión dunha nova capa de aglomerado asfáltico en quente. Ademais, realizarase o recalce das tapas de rexistro para adaptalas á nova rasante da vía.

En total actuarase sobre preto de 3.500 metros cadrados de superficie viaria, unha intervención que permitirá alongar a vida útil destas infraestruturas e mellorar a comodidade dos desprazamentos.

O proxecto conta cun orzamento subvencionable de 46.719 euros, mentres que o investimento total ascende a 56.529,99 euros, IVE incluído. O prazo estimado de execución das obras é de seis meses.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------