A Xunta de Goberno aproba axudas por 116.000 euros para obras en Castrelo de Miño, Baltar e Rubiá

A sesión ordinaria desta semana da Xunta de Goberno aprobou un total de 116.000 euros en axudas para sufragar obras en diferentes municipios. Así, o Concello de Baltar percibirá 48.000 euros para a execución da obra de mantemento das súas rutas de sendeirismo. No que respecta ao Concello de Castrelo de Miño, aprobáronse 48.000 euros para a mellora do abastecemento en Troncoso co sobrante do depósito da Cancela. Por outra banda, o Concello de Rubiá recibirá unha achega de 20.000 euros para a reparación do camiño en Quereño. 

Na mesma sesión da xunta de goberno da Deputación tamén foi aprobada a expropiación forzosa das obras de execución de tramo de sumidoiros en Bagarelas (O Carballiño), así como o seu proxecto técnico e a necesidade de ocupación, que será notificada aos interesados. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Tamén foron fixados os prezos públicos das publicacións feitas dentro do Plan de publicacións de 2023 da Deputación de Ourense.