O Centro de Estudios Chamoso Lamas ultima o programa do XIV Congreso que se celebrará os días 2,3 e 4 de outubro próximo co lema “O Ribeiro: A cultura do viño, patrimonio, territorio e xentes”. Preto dunha trintena de comunicación, conferencias, proxeccións audiovisuais e visitas guiadas a lugares emblemáticos do patrimonio arqueolóxico, natural e etnográfico da comarca conforman o contido desta cita bienal do colectivo investigador carballiñés.
O Centro de Estudios Chamoso Lamas pon a mirada na comarca do Ribeiro de cara ao seu XIV Congreso que terá lugar a primeira fin de semana de outubro próximo e que se celebrará na sede do colectivo investigador carballiñés, a Casa da Bexanca en Cabanelas.
Vinte e tres comunicacións, dúas conferencias, dúas proxeccións audiovisuais e un roteiro por lugares emblemáticos da contorna establecen o percorrido deste evento cultural que pretende poñer en valor o rico patrimonio histórico da comarca do Ribeiro.
Como nas últimas edicións, a inscrición para asistir ao congreso será gratuita e anunciarase a data de rexistro na páxina web do centro de estudios no mes de agosto. Neste intre estase a realizar a tramitación para a convalidación de un crédito pola Universidade de Vigo, entidade académica colaboradora dende os primeiros congresos.
Arqueoloxía, historia, meteoroloxía, viticultura, etnografía, literatura, arquitectura e natureza, entre outros temas, marcan os contidos do congreso, que conta coa colaboración do concello do Carballiño e do IES Chamoso Lamas, e que supón unha das iniciativas máis destacadas do Centro de Estudios Chamoso Lamas, pois tras catorce edicións lévanse presentado máis de douscentos cincuenta traballos de investigación vencellados coas comarcas do Carballiño e do Ribeiro, e que foron editados na súa totalidade e que se poden consultar na páxina web do centro de estudios ou nas sucesivas publicacións en papel.
Nesta edición, valorouse dedicar o congreso ao Ribeiro polo valioso patrimonio cultural que contén e que precisa ser investigado e divulgado.
A piques de ultimar o programa final do congreso, o Centro de Estudios Chamoso Lamas convida a cantos investigadores desexen presentar algún traballo o fagan axiña, poñéndose en contacto con calquera dos integrantes do colectivo.

















