Manuel Baltar visita o complexo arqueolóxico Aquis Querquennis: “A Deputación seguirá colaborando no impulso e promoción dunha das xoias de Ourense”

IES CHAMOSO LAMAS

O presidente da Deputación visitou o xacemento acompañado, entre outros, polo presidente da Fundación Aquae Querquennae, Antonio Rodríguez Colmenero; a alcaldesa de Bande, Sandra Quintas; o presidente da CHMS, José Antonio Quiroga e o responsable das escavacións, Santiago Ferrer

Manuel Baltar avanzou a “máxima implicación” da Deputación con Aquis Querquennis e gabou a figura de Rodríguez Colmenero: “É o verdadeiro propulsor desta iniciativa cultural e da continuidade das escavacións”

OZOCOgz Deseño Galego

Despois da reunión do padroado da Fundación Aquae Querquennae-Vía Nova, Antonio Rodríguez Colmenero guiou unha visita que partiu da Porta Praetoria, en proceso de reconstrución nestes momentos

O profesor destacou esta mañá o apoio do goberno provincial: “Sen a Deputación e a CHMS non sería posible avanzar nestas escavacións. Sigan protexendo este proxecto”

Bande, 9 de novembro de 2022.- O presidente da Deputación, Manuel Baltar, visitou esta mañá o complexo arqueolóxico Aquis Querquennis, escavación situada ás beiras do encoro das Conchas, en Bande, que conta co respaldo do goberno provincial. Unha liña de colaboración reforzada este mesmo ano, cunha achega para sufragar parte dos custos da tempada de escavacións do complexo militar romano que tamén abrangue o cofinanciamento dos gastos de funcionamento da Fundación Aquae Querquennae-Vía Nova. 

Manuel Baltar estivo acompañado na súa visita desta mañá pola alcaldesa de Bande, Sandra Quintas; o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), José Antonio Quiroga; o xefe territorial de Educación, Xosé Fisteos; o responsable das escavacións, Santiago Ferrer; e o investigador, profesor e presidente da Fundación Aquae Querquennae-Vía Nova, Antonio Rodríguez Colmenero, que quixo recoñecer o apoio da Deputación e a CHMS: “Sigan protexendo este proxecto, sen vós non sería posible avanzar nestas escavacións”. 

Manuel Baltar: “Aquis Querquennis conta e contará coa máxima colaboración da Deputación para escavar, impulsar e difundir un lugar privilexiado”

O presidente da Deputación de Ourense definiu este complexo arqueolóxico coma “unha das xoias de Ourense e que conta coa máxima colaboración do goberno provincial para cooperar coas escavacións e a promoción, impulso e difusión dun lugar privilexiado”. 

Manuel Baltar gabou a figura de Antonio Rodríguez Colmenero, “verdadeiro propulsor desta iniciativa cultural e da continuidade das escavacións, seguiremos traballando para ofertar unha magnífica postal de Ourense”. E destacou as importantes investigacións realizadas por Rodríguez Colmenero nesta escavación e tamén sobre a Vía Nova, calzada romana que unía a antiga Bracara Augusta (Braga-Portugal) e Asturica Augusta (Astorga), e onde precisamente o complexo arqueolóxico de Bande era un dos puntos de descanso.

Visita ao campamento guiada polo profesor Colmenero

Unha vez acabada a xuntanza do padroado da Fundación, do cal tamén forma parte a Deputación de Ourense, o profesor Colmenero guiou a Manuel Baltar e o resto de representantes políticos e membros da Fundación Aquae Querquennae-Vía Nova á visita polo xacemento, partindo da Porta Praetoria, en proceso de reconstrución nestes momentos.