Tristana, no Ciclo de Teatro Online de Afundación

Trátase dun proxecto co que a Obra Social de ABANCA busca dinamizar a capilaridade das artes escénicas mentres as limitacións de capacidade de espazos continúan en vigor   

I De xeito gratuíto e en colaboración coa compañía teatral Secuencia 3, Afundación TV emitirá cada mércores ás 20.00 h unha peza senlleira da dramaturxia clásica e contemporánea

AVANTAR ACTIVIDADES

06.04.2021. Afundación, a Obra Social de ABANCA, continúa este mércores, 7 de abril ás 20.00 h, a través do seu portal dixital Afundación TV co seu proxecto cultural dirixido a dinamizar a actividade das artes escénicas. De maneira gratuíta e en aberto, cada semana, Afundación TV emite a representación teatral dunha obra senlleira das artes escénicas clásicas e contemporáneas con montaxe da compañía Secuencia 3. Mañá, ás 20.00 h, emitirase Tristana.

Tristana

Baixo a dirección de Alberto Castrillo-Ferrer, e segundo a adaptación de Eduardo Galán coa colaboración de Sandra García, Secuencia 3 conta para esta representación cun elenco conformado por Olivia Molina, Diana Palazón, Pere Ponce e Alejandro Arestegui. Tristana, a heroína de Benito Pérez Galdós, soña con estudar, traballar e ser libre nun mundo dominado polo home. Únese así á explosión de protagonistas femininas que a finais do século XIX claman pola independencia das mulleres.

Galdós funde no personaxe de Tristana as súas experiencias amorosas coa actriz moza Concepción Ruth Morell e coa novelista Emilia Pardo Bazán. Fronte a ela, coma nun triángulo imposible, o sedutor caduco don Lope e o pintor mozo Horacio, incapaces de respectar os seus desexos de aprendizaxe e emancipación. E ao seu lado, como cómplice e confidente, a criada Saturna, a muller apegada á realidade. Momentos de sorrisos e momentos de dor. En fin, unha función que invita a reflexionar sobre a situación real da muller no mundo actual.

Con esta iniciativa, Afundación busca dinamizar as artes escénicas nunha conxuntura de limitación de capacidades de espazos. Ademais, mediante a colaboración con Secuencia 3, a compañías implicada na montaxe de cada unha destas pezas, visibilízase o traballo intenso e necesario de todas persoas profesionais da cultura involucradas na realización dunha obra de teatro. Deste xeito, Afundación reforza as súas propostas de ámbito cultural, un dos seus eixes estratéxicos, consolidando tamén o papel de Afundación TV como canle de difusión das súas actividades.

As obras de teatro programadas son as seguintes:

Mércores, 7 abril –Tristana

Mércores, 14 abril – Hombres de 40

Mércores, 21 abril – Última edición