O coro xuvenil EnHarmonía participará a partir deste vindeiro sábado nunha das experiencias musicais máis emocionantes: o Festival Coral Internacional ‘Europa Cantat Junior 2026’, que terá lugar do 11 ao 19 de xullo na cidade catalana de Girona.
A agrupación polifónica do Carballiño levará a cabo unha formación e intercambio coral con agrupacións xuvenís de España, Portugal, Dinamarca, Bélxica, Países Baixos, Alemania, Francia, China, Suíza, Chipre, Estonia ou Italia, entre outros, cunha semellanza moi parella co Mundial de Fútbol 2026.
Dese xeito, participarán da man do seu mestre Christian Casas e acompañados de Cristina María Rodríguez Boado e de varios coristas do Coro Xuvenil Cantiga de Ourense. Con esta convivencia intercultural e aprendizaxes dos directores invitados non dubidamos que os mozos e mozas de EnHarmonía regresarán sendo mellores cantores e persoas.
Como parte da axuda e colaboración ao financiamento da viaxe (moi custosa), dende a dirección da agrupación coral carballiñesa veñen de celebrar un sorteo solidario este pasado venres, día 3 de xullo, no Balneario de As Caldas de Partovia. Así sortearon dous bonos de circuíto termal+masaxe neste centro termal e un vale regalo de 100 euros do Centro Comercial Aberto (Carballiño CCA), resultando que o número premiado foi o 430. A persoa co boleto premiado poderá recoller o premio ao longo da xornada de hoxe no propio balneario, e de non aparecer faráse mañá un novo sorteo.

















