O Concello do Carballiño xustifica o traslado ás Barcias da ‘movida’ xuvenil da Festa do Pulpo por motivos de reforzo da seguridade e de protección do Parque Municipal

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Concello do Carballiño decidiu trasladar este ano -tal e como adiantou onte Badal Novas- a Festa DJ, que se celebra de maneira paralela á Festa do Pulpo, á explanada das Barcias, unha medida adoptada co obxectivo de reforzar a seguridade dos milleiros de asistentes que cada edición participan neste evento, cuxa afluencia medrou de maneira exponencial nos últimos anos. De feito, tense convertido nun dos platos fortes da Festa do Pulpo pola concurrencia, o que fixo que na última edición xa se desbordase o espazo onde tradicionalmente tiña lugar, caraterizado polo seus desniveis.

O cambio afecta unicamente á Festa DJ. O resto da programación da Festa do Pulpo, así como todas as actividades previstas durante a celebración, desenvolveranse nos seus emprazamentos habituais sen modificación ningunha.

A decisión responde exclusivamente a criterios preventivos e de seguridade, atendendo ás recomendacións recollidas no informe elaborado pola Policía Local. Nel conclúese que o espazo no que se viña celebrando ata o de agora, situado nunha depresión natural do Parque Municipal, cunha orografía complicada e irregular, presenta importantes limitacións para acoller un evento que congrega cada ano a máis dun milleiro de persoas. Entre outros aspectos, o informe sinala as dificultades para controlar os accesos e o aforo, a complexidade dunha eventual evacuación debido á orografía do terreo e polo mesmo, o risco existente de avalancha e esmagamento, así como os obstáculos para a intervención dos servizos de emerxencia e a imposibilidade de garantir un perímetro de seguridade axeitado.

A Policía Local considera que manter o evento no mesmo emprazamento podería comprometer a seguridade dos asistentes e recomenda expresamente o seu traslado a unha zona chan, sen obstáculos naturais e con acceso adecuado para os servizos de emerxencia, condicións que reúne a finca das Barcias.

Con esta decisión, o Concello adapta a organización da Festa DJ á realidade dun evento que, edición tras edición, foi consolidándose como unha das grandes citas da xornada festiva, reunindo cada vez un maior número de participantes e cuxo acceso, como sempre ocorreu, será libre e gratuíto, como sempre.

Un recinto adaptado a un evento multitudinario

A nova localización permitirá habilitar un espazo preparado especificamente para acoller unha celebración destas características, ofrecendo maiores garantías tanto para o público como para o persoal que traballará durante o evento.

A organización contará con oito barras de hostalaría, carpas para crear zonas de sombra, servizo permanente de ambulancia, baños portátiles, persoal de seguridade, servizo de limpeza e un recinto vallado que facilitará tanto o control dos accesos como a mobilidade dos asistentes e a intervención dos servizos de emerxencia en caso de ser necesaria.

Ademais, o novo espazo permitirá mellorar a xestión dos fluxos de entrada e saída, garantir unha evacuación máis rápida en caso de incidencia e ofrecer unhas condicións máis axeitadas para un evento que continúa medrando ano tras ano.

Desde o Concello do Carballiño sublíñase que esta decisión responde ao compromiso municipal coa seguridade e co benestar dos asistentes. O obxectivo é que a Festa DJ continúe consolidándose como un dos grandes atractivos da Festa do Pulpo, pero facéndoo nun espazo que reúna todas as condicións necesarias para garantir o seu correcto desenvolvemento.

Un cambio que tamén contribúe á protección do Parque Municipal

Ademais das recomendacións da Policía Local en materia de seguridade, o traslado da Festa DJ á finca das Barcias responde tamén á vontade do Concello de preservar o Parque Municipal, un dos espazos naturais máis emblemáticos da vila.

A celebración dun evento destas dimensións nunha zona boscosa e con forte pendente supón un maior impacto sobre o medio natural, tanto pola concentración de milleiros de persoas como pola xeración de residuos, a compactación do terreo e o incremento do risco de incendio nunha época especialmente sensible do ano. A nova localización permitirá reducir esa presión sobre o Parque e compatibilizar a celebración da festa coa protección deste espazo verde.

Deste xeito, o Concello aposta por un emprazamento máis axeitado tanto desde o punto de vista da seguridade das persoas asistentes como da conservación do patrimonio natural, garantindo que a Festa DJ poida seguir medrando de maneira ordenada, sostible e coas máximas garantías.

O Concello agradece a comprensión e colaboración da veciñanza e das persoas visitantes ante este cambio de localización, convencido de que a nova ubicación permitirá gozar da festa con maiores garantías e seguir facendo medrar un evento que xa forma parte imprescindible da programación da Festa do Pulpo.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------