O campo da festa de Feás acolleu onte domingo a sétima edición da ‘Feira de Feás’, un punto de referencia e de continuidade para a recuperación do tradicional evento comercial que se levaba a cabo nesta localidade do municipio de Boborás.
Unha contorna natural na que as árbores autóctonas proporcionan a sombra necesaria neste verán e no que un bó número de postos de venda de produtos artesáns de roupa, tecidos, complementos e mobiliario de madeira convidaban aos visitantes a deterse en cada un deles para admiralos e mercar aqueles do seu gusto.

Asemade, tamén había un espazo para a aprendizaxe no que se impartía un obradoiro de decoración con pintura de Artesanía de Galicia que fixo as delicias tanto de cativos coma de maiores. Tamén, a comisión de festas da parroquia de Feás instalou o seu propio posto de merchandising de camisetas e outros complementos para recadar fondos.
Tampouco podía faltar, coma en calquera feira, un posto de ‘pulpo á feira’ e churrasco, que servía racións aos primeiros comensais que se achegaban ata o campo, e un grupo de gaitas para amenizar e poñer a nota rítmica a un evento do que nos falaba a propia alcaldesa de Boborás, Patricia Torres.










