A xornada de feira do 16 de xullo tamén servíu para a estrea dunha das novas dársenas habilitadas polo Concello do Carballiño na céntrica avenida do Balneario para o estacionamento dos buses do transporte discrecional de viaxeiros que comunica a vila con Ourense, Pontevedra e Madrid. A zona xa fora vallada meses atrás, coincindo co peche definitivo da estación de autobuses como punto de saída e chegada dos vehículos de transporte e o traslado deste ata a explanada de Renfe, na estrada N-541.
O novo espazo de aparcamento, sinalado no pavimento e delimitado por pivotes, está ubicado ao carón do Auditorio Manuel María, e ten como obxectivo a recollida e deixada dos viaxeiros que trasladan os autobuses en dirección á rúa Astureses.
Asemade, o Concello tamén habilitou, fronte a esta parada, outra área de estacionamento para os autobuses que circulan en sentido Ourense, na mesma avenida do Balneario pero preto da súa intersección coa rúa Marcelino Parrondo, ao carón da entrada a un centro comercial alí ubicado.

Neste caso, os postos ambulantes da feira instalados esta mañá impediron aos vehículos de transporte calquera maniobra de aproximación. Asemade, o estacionamento de autocares neste espazo resulta controvertida a nivel de seguridade vial, xa que impide a visibilidade aos propietarios de vehículos que desexen saír do garaxe do edificio onde se ubica o centro comercial.


















