| Ribadavia abre este venres as portas da 42ª Mostra Internacional de Teatro e convértese, unha vez máis, nun punto de encontro para creadoras, compañías e público chegado de dentro e fóra de Galicia. Durante nove días, a MIT volverá facer dialogar teatro, danza, performance e creación contemporánea nunha programación que este ano atravesa cuestións como a memoria democrática, os coidados, a identidade, o territorio, a música ou os corpos desde unha mirada crítica e profundamente conectada co presente. A primeira xornada propón xa un percorrido polos grandes temas desta edición. Ás 19,00 horas, a Igrexa da Madalena acollerá a lectura performativa de O Miradoiro, de Alomais Teatro, texto gañador do XX Premio Abrente, que convida a reflexionar sobre a condición humana, a vulnerabilidade e a necesidade de construír comunidade. Media hora máis tarde celebrarase, no mesmo espazo, o acto oficial de inauguración da Mostra. Ás 21,00 horas, a Praza Maior converterase nun escenario ao aire libre para recibir El bolero, da compañía vasca Altraste Danza, unha proposta que explora a capacidade do movemento para crear vínculos entre intérpretes e espectadores. O peche da xornada chegará ás 23,00 horas no Auditorio Rubén García do Castelo con ICTUS (anatomía de “A derradeira leición” de Castelao), a nova creación de Chévere. A compañía parte do histórico cadro de Castelao para preguntarse como se constrúe a memoria colectiva, que historias permanecen e cales corren o risco de desaparecer. Un espectáculo que conecta directamente cun dos grandes eixos da MIT deste ano: a memoria como ferramenta para comprender o presente. |
| Un adianto da fin de semana O sábado, a entrega do Premio da Academia Galega de Teatro abrirá unha xornada na que convivirán a investigación escénica de Zoombies, a reflexión ecolóxica de Colapso e Mercedes máis eu, o encontro artístico entre Janet Novás e Mercedes Peón, unha das grandes creacións galegas da tempada que une danza, música e memoria, que se verá nesta MIT por última vez. O domingo, a palabra e a dramaturxia galega tomarán protagonismo coa presentación de O Miradoiro e unha conversa sobre edición teatral, antes de dar paso ás representacións de Berenguela na gaiola e Hospital de Campo, da compañía catalá Societat Doctor Alonso, unha proposta que afonda na vulnerabilidade e nos coidados desde unha singular investigación sobre o corpo. Con compañías chegadas de Galicia, Portugal, Euskadi, Cataluña, Madrid, Andalucía, Canarias e México, a MIT reafirma nesta edición o seu compromiso coa diversidade de linguaxes escénicas e coa creación contemporánea, facendo de Ribadavia un espazo onde o teatro non só se representa: tamén se pensa, se comparte e se vive. A MIT conta un ano máis co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais – Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense e o Ministerio de Cultura. Ademais, a programación da 42ª edición é posible grazas á colaboración de entidades como AC/E Acción Cultural Española, CDG Centro Dramático Galego, Secretaría Xeral da Lingua, Bienal de Artes Vivas de Pontevedra, Colectivo RPM, Escola Galega de Clowns, AAAG Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Artesanía de Galicia ou Fundación ONCE; entre outros patrocinadores e apoios que fan posible unha nova edición da MIT. |

















