O Concello de Piñor organiza a actividade interxeracional ‘Regreso ó pasado: Os pais e as nais tamén foron nen@s’

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Programa de Educación e Apoio á Familia do Concello de Piñor (financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade e polo programa operativo FSE Galicia 2021-2027),  pon en marcha a actividade “Regreso ó pasado: Os pais e as nais tamén foron nen@s”, unha proposta dirixida aos nenos e nenas participantes no programa Piñor Concilia Diververán e ás súas familias.

A actividade celebrarase o xoves 6 de agosto, ás 12,00 horas, no Centro Cultural de Arenteiro, durante as actividades de conciliación do Diververán e nace co obxectivo de favorecer o encontro entre xeracións, fortalecer os vínculos familiares e poñer en valor a importancia dos recordos compartidos como ferramenta educativa.

Para o desenvolvemento desta iniciativa búscase a colaboración de catro ou cinco pais ou nais de participantes no Piñor Concilia Diververán 2026 que desexen participar de forma voluntaria. Cada persoa participante achegará unha fotografía da súa infancia, que será utilizada para que os nenos e nenas intenten adiviñar quen aparece en cada imaxe.

Unha vez descubertas as fotografías, as familias compartirán cos máis pequenos diferentes recordos da súa infancia: a que xogaban, que soñaban con ser de maiores, cal foi a trasnada máis divertida que lembran ou cal é o recordo máis especial que conservan daqueles anos.

Con esta actividade preténdese promover a comunicación entre xeracións, espertar a curiosidade dos nenos e nenas por coñecer como era a infancia das súas familias, reflexionar sobre os cambios sociais producidos co paso do tempo e crear un espazo de convivencia no que as experiencias persoais se convertan nun recurso educativo e emocional.

As persoas interesadas en participar como nais ou pais colaboradores poden poñerse en contacto coa Educadora Familiar do Concello de Piñor.

Desde o Concello de Piñor anímase ás familias a formar parte desta iniciativa, que pretende demostrar que, máis aló das diferenzas entre épocas, os xogos, os soños e os recordos… non debemos esquecer que todos e todas fomos nen@s.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------