Ribeiro en Común lamenta que o punto de atención á infancia hipoteque as arcas municipais en Ribadavia

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O grupo municipal de Ribeiro en Común cualifica de “parche” a creación dun Punto de Atención á Infancia (PAI) cun investimento de 90.000 euros, que “non pode ocultar que a Xunta continúa debéndonos a Ribadavia a construción da nova Galiña Azul, que continuamos reclamando ao estar comprometida con Ribadavia e aprobada na pasada na lexislatura”.

Esta formación política apunta que “a obriga de mantemento deste servizo será para o Concello, aínda que haxa subvencións temporalmente, como se nos informou, e cabe recordar que a subvención da Deputación de Ourense foi suprimida ao Concello de Ribadavia para o mantemento da Galiña Azul, existindo inicialmente”. Asemade, manifestan a súa oposición “ás taxas que vai aprobar o goberno local para o novo servizo de PAI, xa que, aínda estando bonificadas, esta gratuidade pode ser temporal, e está condicionada a discrecionalidade anual da Xunta, podendo variar e anularse no futuro”. 

Dende Ribeiro en Común engaden que “a tardanza da posta en marcha do servizo leva un ano de atraso, e ademais, a día de hoxe o goberno local aínda non sabe como vai xestionar este servizo. Non ten nin idea, nin elaboradas as bases para unha externalización/privatización, nin sabe cal é a demanda real deste servizo para o próximo curso”.

Por todo isto, lamentan que o Concello e a Xunta non aposten por reforzar e ampliar o servizo da Galiña Azul, e continúen co ‘servizo parche’ que supón este PAI, indicando que “agora o Concello aínda non sabe cal vai ser a demanda real deste servizo nin sabe que tipo de concurso vai facer para a súa xestión, o que demostra a falta de planificación e proxecto real do goberno municipal”. 

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------