O Rallye Pazo Tizón acollerá a 116 equipos e transcorrerá polos concellos da comarca o venres e o sábado

Esta mañá tivo lugar a presentación da 36ª edición do Rallye Pazo Tizón, que se disputará este venres e sábado, días 19 e 20 na nosa contorna, dentro do campionato da Xunta de Galicia de Rallyes.

Trátase do tradicional Rally do Lacón, que por segundo ano consecutivo volve ao calendario do motor tras 15 anos de parón, aínda que o fai cun cambio de dirección e nome. Xa non está xestionado por Alfonso García e pasa a denominarse Rally Pazo Tizón.

AVANTAR ACTIVIDADES

O evento regresou grazas á organización de Automobilismo e Escudaría Carballiño co apoio dos concellos de Boborás, Carballiño, Leiro, Maside, Irixo, Cea, Amoeiro, San Amaro e Piñor.

Tamén estivo hoxe o delegado da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén, quen reafirmou o compromiso da administración con eventos deste tipo, que repercuten de xeito directo nos concellos, e agradeceu a colaboración dos voluntarios para a súa celebración.

A proba celébrase nunhas datas que a enfrontan ó Rallye de Ferrol, sexta proba puntuable do SuperCampionato de España de Rallyes. Polo que de novo este ano hai menos candidatos. Son 116 os equipos que loitarán por conseguir o título autonómico. Entre eles teremos a ausencia de Víctor Senra, que optou por competir en Ferrol, gañador do pasado ano.  

Por último, a concelleira de deportes do Carballiño, Silvia Baranda, convida a todos a desfrutar deste evento, que será un referente turístico máis para a contorna.