A alcaldesa de Boborás alerta: as faíscas do tren e a falta de rozas reavivan o medo a incendios en Xurenzás

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

A noite do martes deixou 2 focos: en Salceda (parroquia de Cameixa) e Moreiras, todos eles xa controlados

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

A preocupación polos incendios na contorna ferroviaria volveu a acenderse en Boborás (Ourense) tras rexistrarse un novo lume na parroquia de Xurenzás, cuxa causa se investiga se puido deberse a faíscas producidas polo paso dun tren. O episodio, ocorrido este luns, revive o precedente da Audiencia Nacional que en 2022 condenou a Renfe e Adif a indemnizar aos comuneiros de Xurenzás por un incendio declarado en xuño de 2015 que calcinou 180 hectáreas.

A alcaldesa de Boborás, Patricia Torres (PP), expresou a súa preocupación ante a posibilidade de que as chamas se orixinasen polo paso dun convoi, debido á abundante vexetación xunto á vía e a falta de rozas nalgunhas áreas, unha circunstancia que favorece a propagación do lume en xornadas de altas temperaturas como as que se rexistran na provincia.

A noite do martes, segundo informaron fontes da Consellería do Medio Rural a Europa Press, o incendio forestal declarado sobre as 23.00 horas no lugar de Salceda, parroquia de Cameixa, quedou estabilizado ao redor da 1.00 da madrugada deste mércores. Veciños de casas próximas apuntan que a orixe podería estar na caída dun piñeiro sobre unha liña eléctrica.

Así mesmo, as chamas tamén chegaron ao monte noutro incendio que partiu dunha casa deshabitada na parroquia de Moreiras, tamén no municipio de Boborás. Neste caso, o lume puido ser extinguido pasada a medianoite, segundo confirmaron fontes municipais. Este novo incendio supón o cuarto que se rexistra este verán no concello de Boborás.

Un verán de lumes en Boborás

O pasado luns, preto das vías do tren, outro incendio forestal afectou á parroquia de Xurenzás, polo que se investiga se se debeu ao paso dun tren. Hai 11 días quedara extinguido outro lume nesta mesma parroquia, tras calcinar 19 hectáreas e queimar o castro de Xurenzás. Na noite do sábado 13 de xuño declarárase outro incendio que chegou a estar preto de casas, o que obrigou a decretar a situación 2 como medida preventiva pola súa proximidade ao núcleo de Vecoña, na parroquia de Moreiras. Ese lume, provocado por un raio, deuse por extinguido tras calcinar 277,58 hectáreas.

O episodio de Xurenzás prodúcese apenas dúas semanas despois de que oito incendios rexistrados na capital, Maside, Punxín e Amoeiro fosen atribuídos polaConsellería do Medio Rural ás faíscas dun tren, o que obrigou a despregar un amplo dispositivo de extinción e provocou a interrupción da circulación ferroviaria convencional entre Ourense e Santiago. A sentenza da Audiencia Nacional de 2022 xa valorou a presenza de maleza e restos de rozas xunto á vía como factor que puido favorecer a propagación das chamas.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------