O Concello de Punxín oferta un programa especial para a xornada do vindeiro mércores, día 12, coincidindo co eclipse total de Sol que será visible a última hora da tarde.
A velada comezará ás 18,30 horas na Área Termal do Bañiño, á beira do río Barbantiño, cunha sesión de música relaxante a cargo dun DJ e con acceso totalmente libre. Ao fío das 20,00 horas, as persoas que o desexen poden desprazarse ata o cumio do Monte de San Trocado para ter a oportunidade de ver con maior claridade o eclipse solar.
E unha vez rematado o espectáculo de ocultación do Sol por parte da Lúa, sobre as 21,30 horas, reanudarase no Bañiño a sesión discográfica cunha escolma dos éxitos musicais de actualidade, ata as 23,00 horas. Todo elo, na zona adaptada xunto ao bar na Área Termal para este tipo de eventos.
















