En outubro comezará o terceiro curso, co obxectivo de seguir formando futuros músicos e de manter a tradición dunha das bandas con máis historia de Galicia, fundada en 1988. Varios dos alumnos das primeiras promocións puideron participar este verán nun espectacular concerto xunto a Carlos Núñez no Mosterio de Oseira.
Profesores especializados de gaita e percusión impartirán as aulas formativas, como actividade extraescolar no colexio de Cea, e tamén no local social da asociación cultural, na fin de semana. O programa lectivo contempla a posibilidade de aprender gaita, pandeireta, tambor, timbal e bombo.
Antigos compoñentes da primeira etapa da banda, aqueles nenos e adolescentes que aprenderon nas décadas dos oitenta e noventa, acompañan no proceso a estas novas xeracións.
Nesta nova etapa, Cea une a intérpretes de distintos tempos arredor da música galega. A asociación conta cunha ‘Banda Interxeracional de Gaitas de Cea’, na que participan músicos veteráns e os novos talentos que aprenden na escola.
E dende a Banda fan este convite: “Se ti tamén queres formar parte deste proxecto cultural, que ten novos e ambiciosos retos por diante, infórmate en bandadegaitasdecea@gmail.com“. A convocatoria está xa aberta sen limite de idade.
















